Volver

A XII Xornada “Os recursos educativos en galego” aborda a educación científica

A xornada, que se desenvolveu hoxe na Facultade de Ciencias da Educación, é froito do convenio de colaboración en materia de normalización lingüística asinado pola universidade compostelá coa Consellería de Cultura e Turismo

  • Cartel

Santiago de Compostela, 8 de outubro de 2019.- A Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago de Compostela (USC) acolleu hoxe á tarde a XII Xornada “Os recursos educativos en galego”, organizada pola Comisión de Normalización Lingüística da dita facultade en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística. Esta actividade formativa, unha das que a universidade compostelá leva adiante ao abeiro do convenio de colaboración para a normalización lingüística que ten asinado coa Consellería de Cultura e Turismo, céntrase este ano na educación científica e na conexión coa natureza.

Na inauguración da xornada participaron María Lourdes Batán, subdirectora xeral de Política Lingüística; Gumersindo Feijó, vicerreitor de Planificación e Proxección Estratéxica da USC; Martín Leránoz, vicedeano de Estudantes, Mobilidade e Cultura da Facultade de Ciencias da Educación, e Isabel García-Rodeja, profesora da Área de Didáctica das Ciencias Experimentais da mesma universidade.

Educación científica e conexión coa natureza

A XII Xornada “Recursos educativos en galego” ten como obxectivo crear un espazo para o debate e a reflexión ao redor dos recursos educativos en lingua galega e, máis concretamente, dar a coñecer os recursos existentes neste idioma para a educación científica, definir estratexias e criterios para buscalos e escolmalos, promover a creación de novos materiais adaptados ás necesidades contextuais e lingüísticas de Galicia e impulsar a difusión de experiencias educativas centradas na utilización e elaboración de recursos didácticos en lingua galega.

Inclúe catro relatorios: “Conectando coa natureza”, a cargo de Antonio Sandoval Rey; “A ilustración científica nos recursos educativos”, pronunciada por Calros Silvar; “Ler a natureza. Os recursos didácticos para infantil nunha biblioteca especializada en medio ambiente”, de Ana B. Pardo, e “O proceso creativo da colección de libros Animais Extraordinarios”, impartida por Xulio Gutiérrez.

Colaboración para a normalización lingüística

A Consellería de Cultura e Turismo asina convenios de colaboración coas tres universidades galegas orientados a desenvolver, co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística, medidas que redunden na promoción da lingua galega no ámbito da educación superior: a xornada de hoxe e outras accións formativas, como cursos de habilidades comunicativas ou cursos de lingua para non galegofalantes, campañas para a redacción e defensa de teses de doutoramento en galego ou premios á calidade lingüística de traballos académicos, entre outras iniciativas.