O Auditorio de Galicia acolle o sábado o gran concerto de despedida do ‘Tic Tac Toc’ no ‘FalaRedes’

Volver
  • Imaxe do espectáculo
  • Imaxe do espectáculo

Pablo Díaz pecha unha exitosa xira no programa de actividades para a Rede de Dinamización Lingüística o sábado 20 ás 18:30 horas

O ‘Tic Tac Toc’ despídese dos escenarios do programa cun concerto especial de entrada libre e de balde ata completar a capacidade deste espazo

Os convites pódense retirar, ata un máximo de catro por persoa, hoxe e mañá no despacho de billetes do Teatro Principal en horario de 18:00 a 21:00 horas

 

Santiago de Compostela, 18 de maio de 2017.- O compostelán Auditorio de Galicia acolle este mesmo sábado o gran concerto de despedida de xira da actividade de dinamización lingüística ‘Tic Tac Toc’ no programa ‘FalaRedes 2017’. Cun derradeiro concerto moi especial, unha grande festa da lingua galega, Pablo Díaz pechará a súa xira na sexta edición do programa por 19 concellos na capital de Galicia, pertencente á RDL.

O músico coruñés, unha das figuras actuais máis recoñecidas do panorama musical infantil galego, acompañarase para a ocasión de toda a súa banda, integrada por Olga Kirk (coros e bailes), Diego Barral (guitarras), Álex Fente (acordeón), Antón Díaz (baixo eléctrico) e Carlos Freire (batería). A proposta musical, baseada no proxecto homónimo editado por Galaxia, ten como obxectivos principais a promoción da lingua no ámbito familiar e a súa transmisión afectiva a través da música.

A entrada, coma sempre no ‘FalaRedes’ é libre e de balde ata completar a capacidade da Sala Ángel Brage, e os convites xa están a disposición das familias no despacho de billetes do Teatro Principal, en horario de 18:00 a 21:00 horas. De quedar entradas libres o propio día do concerto, tamén se poderán recoller na mesma billeteira do Auditorio de Galicia a partir das 17:30 horas.

‘FalaRedes 2017’


A sexta edición do programa de dinamización lingüística 'FalaRedes' mantén os obxectivos das anteriores de ofrecer propostas de lecer de calidade en galego para todas as idades e de promover, con elas, o uso e mais a valoración positiva da lingua propia de Galicia.

Desde o mes de marzo e ata finais de ano, as actividades do 'FalaRedes' están a percorrer os concellos da RDL, unha iniciativa impulsada polo Goberno galego para incidir na promoción do uso da lingua galega desde as administracións local e autonómica que conta con máis de 180 entidades adscritas. Nas cinco edicións anteriores do programa foron preto de 800 as actividades programadas para públicos de todas as idades. Coma sempre no FalaRedes, a entrada é libre e de balde ata completar a capacidade das salas.

Toda a información sobre a nova edición xa está dispoñible no Portal da Lingua Galega (www.lingua.gal/falaredes), nas redes sociais da RDL e na Axenda de Cultura de Galicia.

Departamento: C. de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria Tema: Lingua