Volver

A Xunta reedita dous libros de María Victoria Moreno para poñelos á disposición do público na Librería Institucional

As obras foron editadas no ano 1991 polo goberno galego e recupéranse en formato dixital con motivo da conmemoración do Día das Letras Galegas

‘Verso e prosa’ e ‘As linguas de España’ son dous exemplos do rigoroso traballo da autora no campo da didáctica
 

Santiago de Compostela, 16 de maio de 2018.- A Xunta de Galicia reedita dous libros de María Victoria Moreno, a autora homenaxeada este ano nas Letras Galegas, para poñelos a disposición do público na Librería Institucional. Trátase de dúas obras de diferente xénero, un ensaio, no caso de As linguas de España e un libro de estilística da lingua galega, no caso de Verso e prosa. Os dous son, tamén, exemplos do rigoroso traballo no campo da didáctica da escritora.

Estas obras foron xa editadas no ano 1991, dentro da colección Andel, polo Goberno galego, que decide agora reeditalos en formato dixital e poñelos a disposición do público, autorizando a súa descarga a través da Librería Institucional, en varios formatos e para diferentes dispositivos electrónicos de lectura. A familia de María Victoria Moreno cedeu á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria os dereitos dos libros para, a partir das obras físicas, editar as versións dixitais que estarán dispoñibles proximamente.

Escritora e docente


A vocación docente de María Victoria Moreno e a súa historia de amor coa lingua galega póñense de manifesto de xeito claro nestas dúas obras. Así, en Verso e prosa fai un repaso pola definición do verso e as súas características, deténdose en elementos como a rima, a medida ou a estrofa, para analizar despois a prosa, as diferencias entre as dúas e a linguaxe literaria. E faino dun xeito sinxelo e comprensible, cun enfoque claramente didáctico. A obra conta coas ilustracións de Iñaki Pérez.

Pola súa banda, As linguas de España é un ensaio acerca dos idiomas oficiais no estado, a súa xénese e a súa evolución a través das diferentes invasións e pobos que o habitaron ao longo da súa historia e que foron configurando as linguas que hoxe falamos e escribimos.

Licenciada en Filoloxía Románica, María Victoria Moreno (Valencia de Alcántara, Cáceres, 1939 - Pontevedra, 2005), chegou a Galicia no ano 1963 como profesora. Unha década máis tarde, en 1973, publica Mar adiante, considerada unha das obras pioneiras da literatura infantil galega. Ata o seu pasamento, a escritora estivo comprometida co ensino da lingua e da cultura galegas. Cultivou a narrativa –especialmente a infantil e xuvenil–, o ensaio, a poesía, os estudos literarios e a didáctica da lingua e da literatura galegas.

Departamento: C. de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria Tema: Lingua, Cultura