O I Certame de Regueifas de Sanxenxo promove o galego oral entre o alumnado da vila pontevedresa

Volver

Valentín García asistiu ao acto no que o estudantado amosou os coñecementos adquiridos en tres obradoiros organizados polos equipos de dinamización da lingua galega dos centros participantes

Rapaces e rapazas de segundo da ESO dos IES de Vilalonga e de Sanxenxo e do Colexio Abrente improvisaron as súas rimas seguindo as pautas de Lupe Gómez e de Josinho de Tareixa

Sanxenxo (Pontevedra), 11 de abril de 2019.- O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, acudiu esta mañá ao Auditorio Emilia Pardo Bazán da vila pontevedresa para asistir ao I Certame de Regueifas celebrado neste concello. O acto ponlle o ramo aos obradoiros de regueifa organizados a principios de abril polos equipos de dinamización da lingua galega dos IES de Vilalonga e de Sanxenxo e mais do CPR Plurilingüe Abrente en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística. Durante estes obradoiros, o alumnado de segundo da ESO dos tres centros educativos aprendeu a improvisar oralmente os seus poemas en galego da man da poeta Lupe Gómez e do regueifeiro Josinho de Tareixa. No certame de hoxe, o estudantado tivo ocasión de amosar os coñecementos adquiridos regueifando cos compañeiros e compañeiras dos outros centros de secundaria da vila.

Valentín García explicou que na regueifa se combinan “dous elementos moi interesantes para aprender e adquirir seguridade no uso oral da lingua galega: a improvisación, é dicir, a espontaneidade, e o compoñente lúdico, que sen dúbida favorece a aprendizaxe e permite establecer un vencello afectivo en positivo coa lingua propia de Galicia”.

O alumnado de 2º de ESO dos centros de educación secundaria de Sanxenxo participou a principios de abril en tres obradoiros de regueifa de dúas sesións cada un impartidos por Lupe Gómez e Josinho de Tareixa. Cos obxectivos de fomentar o uso oral da lingua galega e de achegarse á poesía a través deste modo de versificación tradicional improvisada, os contidos dos obradoiros abrangueron cuestións teóricas e prácticas. Entre as primeiras están as orixes da regueifa, a coincidencia desta forma de expresión con outras existentes noutras culturas e mais as semellanzas e diferenzas con outros tipos de improvisación oral galegos. Os contidos prácticos centráronse nas pautas para compoñer regueifas (melodía, métrica, rima...) e na creación, mediante diversos exercicios tanto grupais como individuais.

150 novos regueifeiros e regueifeiras

Un total de 150 estudantes participaron no I Certame de Regueifas que se celebrou no Auditorio Emilia Pardo Bazán de Sanxenxo. Os monitores dos obradoiros foron os encargados de facer as presentacións e propoñer os xogos con que o alumnado amosou as habilidades adquiridas. O encontro non tiña carácter competitivo polo que, ao finalizar, todos os grupos participantes recibiron cadansúa regueifa en forma de rosca como premio.

Departamento: Tema: Cultura, Lingua