A Xunta reivindica a figura de Antonio Fraguas coa exposición ‘Memoria dun soño. Viaxe a unha Galicia orgullosa de si mesma’

Volver

A mostra consta dun cuadríptico explicativo e 12 paneis que percorren a vida do homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas

O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, destacou de Fraguas que foi "un soñador cos pés na terra que sempre tivo a Galicia como norte"

Santiago de Compostela, 15 de abril de 2019.- O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, asistiu na biblioteca Anxel Casal á apertura da exposición Antonio Fraguas, memoria dun soño. Viaxe a unha Galicia orgullosa de si mesma, conmemorativa das Letras Galegas 2019, e na que estiveron presentes familiares do escritor, o presidente da Fundación Antonio Fraguas Fraguas, Justo Beramendi; o presidente da Real Academia Galega, Víctor Freixanes, a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, e representantes dos concellos de Cerdedo-Cotobade e de Santiago de Compostela.

A mostra consta dun cuadríptico explicativo e paneis que percorren a vida de Antonio Fraguas e, ao tempo, vanse ofrecendo datos acerca da sociedade, da economía ou da política de cada momento histórico, que axudan a comprender a súa figura e a súa obra.

O conselleiro de Cultura e Turismo destacou de Fraguas que foi “un soñador cos pés na terra, porque sempre tivo a Galicia como norte e traballou por ela incansablemente”. “Hoxe, a través desta mostra, celebramos a súa traxectoria honesta e leal coa súa terra e a súa cultura”, engadiu Román Rodríguez, quen destacou o acerto da Real Academia Galega na súa decisión de distinguir a Fraguas “outorgándolle unha das máis altas honras a que pode aspirar unha persoa do ámbito da cultura en Galicia: a homenaxe do Día das Letras Galegas”. Neste acto de apertura tamén participaron o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e o director xeral de Políticas Culturais, Anxo Lorenzo.

Percorrido pola vida de Antonio Fraguas

A exposición amosa un total de 12 paneis que achegan ao visitante á persoa de Antonio Fraguas. Deste xeito, o panel Universo Insuela fai referencia á infancia e ao contacto que Antonio Fraguas tivo desde o berce coa cultura popular. En O destino non estaba escrito preséntase un punto de xiro na vida daquel neno que parecía abocado a emigrar ao Brasil e Pontevedra, o primeiro agromar galeguista fala dos seus anos como alumno de secundaria e da decisiva influencia dos profesores que atopou na cidade do Lérez, como Castelao, Sobrino Buhigas ou Losada Diéguez. Así mesmo, Santiago, a cidade no corazón, aborda a súa etapa como estudante universitario, que trae o ingreso no Seminario de Estudos Galegos e nas Irmandades da Fala.

Por outra banda, Docencia e compromiso céntrase na vocación docente do autor e no seu activismo cultural na Estrada nos anos previos á Guerra Civil. Esta, xunto coas súas nefastas consecuencias para Antón Fraguas e as súas aspiracións galeguistas, trátanse no panel titulado Medo e reconstrución. Mentres, Fraguas, a paixón polo coñecemento, dedícase ao Fraguas polígrafo que ten a Galicia como obxecto de interese en todos os campos de estudo que aborda e outro dos paneis detense no que foi, de todos os ámbitos aos que se dedicou, aquel en que destacou especialmente: o de investigador, divulgador e valedor da cultura popular. Continuando o percorrido pola mostra, o visitante atopará o panel Un museo para a alma de Galicia, que amosa o papel de Antonio Fraguas na xestación e primeiros pasos do Museo do Pobo Galego, do que foi director. No indicador Ás veces, os soños cúmprense, compróbase como, nos derradeiros anos da súa vida, Antonio Fraguas viu como comezaba a materializarse aquel vello soño da autonomía para Galicia, en cuxas institucións culturais el participou e das que recibiu un amplo recoñecemento.

Departamento: Tema: Cultura, Lingua