A imaxe de Antonio Fraguas loce xa nas estacións e nos trens de Renfe para conmemorar o 17 de maio

Volver

A Consellería de Cultura e Turismo e Renfe renovan a súa colaboración en materia de dinamización lingüística para festexar as Letras Galegas

O secretario xeral de Política Lingüística e o delegado territorial da Coruña asistiron hoxe á presentación das iniciativas

A Coruña, 14 de maio de 2019.- A imaxe de Antonio Fraguas Fraguas, autor ao que a Real Academia Galega lle dedica este ano o 17 de maio, loce xa nas estacións e nos trens de Renfe para conmemorar as Letras Galegas. A Consellería de Cultura e Turismo e Renfe renovan, por terceiro ano, a súa colaboración en materia de dinamización lingüística para festexar o día grande da lingua e da cultura galegas.

Deste xeito, unha das dúas mostras gañadoras do Concurso-Exposición Letras Galegas 2019 convocado pola Xunta, que leva por título Insuela (da autoría do IES Álvaro Cunqueiro de Vigo), exhíbese nos espazos de información que a operadora ten asignados en cada unha das estacións principais de Galicia. Ademais, nos repousacabezas de todos os trens de Media Distancia e Avant dos traxectos entre A Coruña-Santiago de Compostela-Vigo e A Coruña-Santiago de Compostela-Ourense loce a imaxe institucional do Día das Letras Galegas 2019 da Xunta de Galicia.

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e o delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, asistiron ao acto de presentación, no que recordaron que precisamente “a vida e a biografía de Antonio Fraguas estiveron moi vencelladas ao ferrocarril, xa que o pai traballou na emigración brasileira na construción das vías do tren e mesmo el, antes de que o mandaran estudar, estivo a piques de aprender o oficio de maquinista do ferrocarril”.

“Agradecémoslle a Renfe, un ano máis, a colaboración para facer extensiva esta data tan sinalada ás persoas usuarias dos seus servizos para contribuír á dinamización e visibilización da nosa lingua propia desde as súas accións de responsabilidade e innovación social”, destacaron.

Participaron en representación de Renfe José Enrique Fonte e Alberto Martínez, xerente do Servizo Público de Renfe e xefe da Área Comercial de Renfe en Galicia, respectivamente.

Departamento: Tema: Transporte, Lingua