Intervención do presidente da Xunta no acto conmemorativo do Día das Letras Galegas 2019

Volver
  • Acto de conmemoración das Letras Galegas 2019
  • Acto de conmemoración das Letras Galegas 2019
  • Acto de conmemoración das Letras Galegas 2019
  • Acto de conmemoración das Letras Galegas 2019
  • Acto de conmemoración das Letras Galegas 2019
  • Acto de conmemoración das Letras Galegas 2019
  • Acto de conmemoración das Letras Galegas 2019
  • Acto de conmemoración das Letras Galegas 2019
  • Acto de conmemoración das Letras Galegas 2019

Cerdedo-Cotobade, 17 de maio de 2019

Autoridades presentes,
Señoras e señores.

En Galicia a lingua non soamente se fala; tamén se habita. Habitamos o idioma. Nel temos un fogar común no que seguen habitando, grazas ás palabras, os nosos devanceiros e habitarán as galegas e os galegos do mañá.

Cando pronunciamos as palabras podemos sentir o eco de moitas xeracións de galegos que as foron cargando de significado. Cada substantivo, cada verbo ou cada adxectivo é un legado que nos chega a través do tempo para que sexa coidado, enriquecido e transmitido por nós. Velaí unha fermosa responsabilidade que os galegos cumprimos con orgullo.

A casa común que é a lingua galega ten as portas e fiestras abertas. Nin exclúe a ninguén, nin quere permanecer lonxe das grandes correntes da historia, nin ao marxe da evolución. Tense dito que é o noso gran monumento, pero un monumento vivo no que se habita, se comparte e se convive.

Mediante a lingua os galegos somos quen de moldear o mundo ao noso xeito, de interpretalo de acordo coa nosa idiosincrasia, e de aportar ao conxunto da humanidade valores que nos son propios. Álvaro Cunqueiro falaba de “anosar” para describir a nosa capacidade para facer nosas ideas e cousas, e darlles significados que nacen da nosa creatividade.

O fogar da lingua galega posúe nestes tempos unha importancia adicional que debéramos subliñar nunha data tan sinalada como esta.

A fragmentación, a perda de cohesión social, a ruptura de acordos e consensos que semellaban inalterables son preocupacións comúns a todas as democracias. A existencia de espazos reais ou virtuais pechados, nos que dificilmente ten cabida o debate entre opinións distintas, é un perigo, un perigo certo que altera principios básicos da convivencia en liberdade.

As linguas, inocentes en si mesmas, non están ao marxe das tentativas de utilización malsá. Todas elas naceron para comunicar e romper co illamento e a soidade, e sen embargo algúns queren utilizalas para disgregar e sementar a discordia.

Asistimos a un rexurdimento de actitudes que ven no cultivo e promoción do idioma unha especie de anomalía, ou cando menos algo superfluo.

Case noventa anos despois habería que recuperar aquel discurso de Alfonso Rodríguez Castelao nas Cortes Republicanas no que ironizaba sobre a maldición que pesa sobre os animais, ao estaren limitados a unha lingua única.

No noso país a lingua une porque está tecida por afectos. O galego é un dos vencellos máis fortes que temos entre nós, entre todos. Falantes cotiáns, asiduos, ocasionais e mesmo infrecuentes, senten o idioma galego como algo seu. Velo como un atranco forma parte de tendencias que proceden de situacións que nos resultan distintas e distantes.

Hai nesa devoción xeneralizada unha causa tal vez novidosa relacionada precisamente coa necesidade de fortalecer a cohesión social, xeracional e territorial, e de equilibrar o impulso globalizador cun firme arraigo naquilo que nos singulariza.

O noso pobo está afeito a engadir e a agregar. Nesta parte da humanidade que somos, coexisten dende antigo tradicións, épocas e culturas que foron moldeadas polo noso carácter. No lar galego reflíctense tendencias que, aínda estando presentes noutros lugares, adquiren aquí unha fisionomía propia.

O galego é fillo do latín sen que esa filiación permita confundilo con outras linguas herdeiras da vella Roma, e o mesmo sucede con manifestacións de todo tipo que o xenio da nosa xente soubo galeguizar.

A nosa forza non reside no rexeitamento do novo e o alleo, senón na sabia apropiación e agregación do que, en cada momento, consideramos valioso. O propio fenómeno xacobeo é a proba de que Galicia é unha síntese, un compendio, no que calquera camiñante pode atopar un espello no que recoñecerse.

Amigas e amigos. A nosa lingua é unha casa que habitamos, ben coidada ademais por caseiros que se preocuparon por facer dela un recinto acolledor, luminoso e aberto. Entre eles a figura de Antonio Fraguas, efectivamente, “un rapaz de aldea”.

Dáse nel unha circunstancia común a moitos outros homes e mulleres da cultura. Para todos eles Galicia empeza por ser un átomo aldeán ou vilego co que se senten intimamente identificados. O que para outros é Bastabales, Celanova, Rianxo, Gres ou Mondoñedo, para don Antonio será Insuela, na parroquia de Loureiro, no municipio de Cerdedo-Cotobade.

Ese vencello case panteísta co lugar natal, que certamente compartimos todos os galegos, fai que o seu traballo cultural, etnográfico, antropolóxico, xeográfico ou histórico, estea lonxe de tecnicismos ou de teoricismos. Ese labor incesante e intenso de homes como Antonio Fraguas está sempre impregnado de amor polos seus e tamén de amor polo seu.

Se o legado de quen este 17 de Maio recibe a homenaxe do seu país é inmortal, débese á súa naturalidade e a súa frescura. A súa non é a pescuda do erudito que se achega con prexuízos ou soberbia ao obxecto de estudo.

Tanto no Seminario de Estudos Galegos, como nas Irmandades da Fala ou na Real Academia Galega; ou no Padroado Rosalía de Castro coma no Museo do Pobo Galego, don Antonio nunca perde a curiosidade propia do “neno labrego” que descubre o mundo en cada anaco de natureza, e a humanidade en cada veciño.

A súa defensa da lingua forma parte tamén da teimosa reivindicación do seu berce. O idioma galego é para el un deses tesouros que permanecen moito tempo agochados, pero que seguen vivos na alma popular ata que chega a hora do seu feliz rexurdimento.

Tal como Galicia as entende, as linguas unen e cohesionan porque establecen un código común que non é soamente léxico. Así mesmo hai homes e mulleres que unen e cohesionan a Galicia, e Galicia ten a fortuna de contar cunha lexión innumerable deles. Ao redor de Antonio Fraguas e o seu legado pódense dar a man galegos de toda condición e de galegos de toda crenza.

Podemos imaxinalo dándonos a benvida cordial a esa lingua que habitamos e que nos habita, para falarnos de vagar dunha cantiga recuperada, dunha mámoa descuberta ou dun aspecto descoñecido de Pastor Díaz.

Celebramos a Antonio Fraguas porque o merece, o merece dabondo e pensando tamén nun tempo ameazado polas rupturas e necesitado de tantas pontes.

A lingua galega é unha ponte pola que transitamos libremente todos os galegos.

Departamento: A Presidencia da Xunta, Tema: Lingua, Cultura