A Xunta convoca prazas en 10 centros de estudos galegos de Europa e América

Volver

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe as convocatorias polas que se renova neste curso académico o profesorado-lector de galego en centros universitarios de Portugal, Alemaña, Brasil, italia, Croacia, Reino Unido e Polonia

O prazo de presentación de solicitudes está aberto desde mañá ao 27 de xuño
 

Santiago de Compostela, 27 de maio de 2019 .- A Consellería de Cultura e Turismo convoca, por medio de dúas ordes publicadas no Diario Oficial de Galicia, dez prazas de profesorado-lector de lingua, literatura e cultura galegas noutras tantas universidades integradas na Rede de Lectorados e Centros de Estudos Galegos da Xunta de Galicia.

Por unha banda, convócanse cinco bolsas de formación nos lectorados de lingua, literatura e cultura galegas que teñen como centros de destino as universidades do Algarve (Portugal), Berlín (Alemaña), Río de Xaneiro (Brasil), Roma (Italia) e Zádar (Croacia).

Así mesmo, convócanse cinco prazas nos lectorados de lingua, literatura e cultura galegas que teñen como universidades de destino as de Bangor (Reino Unido), Heidelberg, Kiel, Leipzig e Leipzig (Alemaña) e Varsovia (Polonia).

Con elas, a Secretaría Xeral de Política Lingüística renova 10 dos 27 lectorados universitarios que ten nos 35 centros de estudos galegos que integran a Rede de Lectorados e Centros de Estudos Galegos da Xunta de Galicia. En todos os casos, o prazo de presentación de solicitudes estará aberto na sede electrónica da Xunta www.sede.xunta.gal desde mañá ao vindeiro 27 de xuño.

Titulacións requiridas para optar ás prazas

Entroutros requisitos, as persoas concorrentes a estas 10 prazas deben estar en posesión do título de Licenciatura en Filoloxía Galega ou en Filoloxía Románica sempre que a primeira ou segunda lingua románica elixida fose o galego, grao en Lingua e Literatura Galegas, Grao en Estudos de Galego e Español ou Grao en Galego e Portugués: Estudos Lingüísticos e Literarios. Requírese tamén ter unha idade máxima de 35 anos na data de remate do prazo de presentación de solicitudes.

Ademais, ás prazas sinaladas en Irlanda, Alemaña, Italia e Croacia poderán presentarse tamén quen estea en posesión da Licenciatura en Tradución e Interpretación sempre que acredite 27 créditos en materias de galego e 21 en materias de inglés ou ben da lingua oficial do país onde se localice o lectorado solicitado. Tamén poderán concorrer os graduados universitarios en Tradución e Interpretación, pero neste caso deberán acreditar 30 créditos de materias de galego e 21 en materias de inglés ou da lingua oficial do país de destino.

Á praza da Universidade de Heidelberg (Alemaña) poderá tamén aspirar quen estea en posesión de (máster) en áreas afíns ás xa mencionadas, sempre que teñan unha especialización en galego, ou que teña acreditados coñecementos de alemán (como mínimo nivel B1).
As persoas aspirantes terán que defender no mes de xullo, diante da comisión técnica de valoración constituída ao efecto, o proxecto didáctico que propoña aplicar no lectorado de destino, tal e como establecen as bases e os requisitos de participación das dúas convocatorias que xa se poden consultar no Portal da Lingua Galega (www.lingua.gal).

Estratexia de acción exterior para a promoción da lingua

No marco da Estratexia de acción exterior para a promoción da lingua galega, o ensino do galego impulsado desde a Xunta de Galicia a través da Rede de Lectorados e Centros de Estudos Galegos chega xa a 17 países e 35 universidades, 26 internacionais e nove nacionais, localizadas en Alemaña, Brasil, Croacia, Estados Unidos, Finlandia, Francia, Hungría, Italia, Irlanda, Polonia, Portugal, Reino Unido, Rusia e Suíza, ademais de Comunidades Autónomas españolas. A creación da devandita Rede responde a un dos obxectivos do Plan xeral de normalización da lingua galega no ámbito da proxección exterior, que incide en “consolidar o ensino e a investigación do galego nas universidades en que xa existe como materia de estudo e introducilo noutras universidades de interese estratéxico”.

A meirande parte do alumnado de galego de fóra da comunidade, que supera os 3500 alumnos e alumnas e dos que 2000 se localizan nos países estranxeiros sinalados, segue estudos de lingua, literatura e cultura galegas nos sinalados 35 centros universitarios. Para alén diso, en Iberoamérica, uns 800 alumnos estudan a nosa lingua na Arxentina (500) e Venezuela (300), grazas a diferentes acordos subscritos polo Goberno galego para achegar a ensinanza do idioma propio de Galicia a todas as persoas interesadas, especialmente a fillos ou netos de emigrantes.

A cifra de estudantes de galego no exterior complétase cos preto de 100 alumnos que actualmente se forman no Instituto Español Vicente Cañada Blanch de Londres e cos 1112 que seguen o Programa de Promoción do Galego impulsado pola Xunta e pola Junta de Castilla y León en 19 centros localizados nestes territorios galegofalantes do exterior do Bierzo e de Sanabria. O resto de alumnado en territorio español (386) fórmase nos nove centros de estudos galegos das universidades españolas de fóra de Galicia.

Departamento: Tema: Cultura, Lingua