Os CEIP Ponte dos Brozos e Poeta Avelino Díaz e o CEE Terra de Ferrol, gañadores da VIII edición de ‘Nós tamén creamos!’

Volver

O certame premia as mellores curtas de animación en galego elaboradas por alumnado e profesorado e forma parte do programa de dinamización lingüística que promoven a Xunta e mais a CRTVG en colaboración con OQOeditora

Santiago de Compostela, 21 de xuño de 2019.- A Xunta de Galicia deu a coñecer hoxe, a través do Portal educativo e do Portal da lingua galega, a resolución da VIII edición dos Premios a curtas de animación en galego Nós tamén creamos!, convocados conxuntamente coa Corporación Radio e Televisión de Galicia (CRTVG) en colaboración con OQOeditora.

Na modalidade de educación infantil, o xurado concedeulle o premio ao CEIP Ponte dos Brozos, de Arteixo (A Coruña), polo filme Cantas pingas na cidade. Na categoría de 1º e 2º de primaria resultaron galardoados o profesorado e o alumnado do centro de educación especial Terra, de Ferrol (A Coruña), polo traballo Andrés cabeza abaixo. A curta Maruxa, do CEIP Poeta Avelino Díaz, de Meira (Lugo), fíxose co premio na modalidade de 3º e 4º de primaria.

Cada un dos centros premiados recibirá un lote de libros de OQOeditora, un agasallo da CRTVG e un diploma acreditativo. Ademais, o profesorado participante nas curtas premiadas obterá unha certificación de Premio de Innovación Educativa da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional. As curtametraxes seleccionadas poden verse no Portal da lingua galega, así como na sección infantil do web da Televisión de Galicia.

Dinamización lingüística a través do audiovisual

Nós tamén creamos! é un programa de dinamización lingüística que desenvolven conxuntamente as consellerías de Cultura e Turismo e de Educación, Universidade e Formación Profesional a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística e da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa en colaboración coa CRTVG e con OQOeditora.

Mediante a elaboración de curtas de animación en galego coa técnica stop-motion búscase favorecer a innovación educativa para promover xeitos cada vez máis efectivos de aprendizaxe de linguas; conseguir unha relación positiva dos rapaces co idioma propio de Galicia, ao relacionalo co audiovisual e coas TIC; abrir unha nova oportunidade para que a mocidade se achegue á lectura; fomentar a creatividade en lingua galega e difundir as posibilidades de ocio en galego que ofrece a TVG.

O profesorado recibe materiais e formación, no marco do Plan Proxecta, para levar adiante co seu alumando estes proxectos cinematográficos.

Departamento: Tema: Lingua, Audiovisual