Takekazu Asaka presenta en Santiago 'A rosa de cen follas', de Cabanillas, ao xaponés

Volver

O secretario xeral de Política Lingüística participou na presentación da nova edición bilingüe desta obra ao xaponés-galego feita polo profesor da Universidade de Tsudajuku que xa en 2013 lle dedicara a ‘Cantata’ ao autor cambadés

Santiago de Compostela, 29 de xullo de 2019.- Takekazu Asaka, profesor da Universidade de Tsudajuku, tradutor de galego ao xaponés e embaixador maior da nosa lingua propia no Xapón, presentou hoxe no compostelán Pazo de San Roque a nova edición bilingüe de A rosa de cen follas, de Ramón Cabanilllas, ao xaponés-galego. Asaka, Takiño en Galicia, xa lle dedicara en 2013 a Cantata ao autor cambadés. O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou na presentación, na que reiterou “o agradecemento infindo da lingua e da cultura galegas, de todas e todos os galegos, a Takekazu Asaka, que é aquí, en Galicia, un máis de nós e, alí, no país do sol nacente, o máximo expoñente da proxección do noso idioma propio”.

Participaron canda eles na presentación o coordinador científico do Centro Ramón Piñeiro, Manuel González; o presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira, e o profesor e académico da lingua galega Francisco Fernández Rei, autor do limiar da obra.

Asaka dá ao prelo Hyakuyō ô bara/A rosa de cen follas. Breviario dun amor (2019), versión en xaponés do cancioneiro amoroso de Ramón Cabanillas que reproduce a editada polo cambadés en Mondariz-Balneario no ano 1927. Engádelle un vocabulario galego-xaponés co léxico dos poemas, acompáñao dun limiar da autoría de Francisco Fernández Rei, de Bibliografía e dunha coda na que el mesmo dá conta dos motivos que o levaron a traducir do galego ao xaponés e da dificultade para traducir ao Poeta da Raza, polos abundantes dialectalismos cambadeses, complexas metáforas e polimorfismos.

Anuncia, no peche, a vindeira edición dun cedé cos catro textos de A rosa de cen follas que conteñen partitura musical: IV Era un piniño novo, A capilla [VI A capilla adormíase nas sombras], Aureana do Sil [XXVIII As areas de ouro] e XXXII O Rei tiña unha filla.

Ilustrado por Ataque e impreso en Nishida (Osaka), conta cos patrocinios da Consellería de Cultura e Turismo, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, e do Concello de Cambados.

Embaixador da lingua e da cultura galegas no Xapón

Takekazu Asaka (Tokio, 1952), profesor de Filoloxía Románica na Universidade de Tsudajuku, entrou en contacto coa cultura e a lingua de Galicia a finais dos anos setenta, mantivo correspondencia no seu día con significados galeguistas, como Ramón Piñeiro e Xaime Isla Couto, e publicou desde entón numerosos artigos e investigacións relacionadas coa lingua galega.

Como ensaísta e investigador, conta cunha dilatada traxectoria galicianista que o levou a escribir volumes referenciais para a aprendizaxe do galego en Xapón, tales como a Gramática do galego moderno (1993), a Guía de conversa en galego (1994), o Vocabulario básico da lingua galega (1995), a monografía As linguas de España e Portugal (2005) ou a Nova gramática galega (2015), que xa vai pola súa segunda edición.

Especial relevo ten o seu labor como tradutor de figuras senlleiras da literatura galega ao idioma nipón, dedicación cuxo froito son as versións xaponesas dos Cantares gallegos (2009) e os Contos da miña terra (2014), de Rosalía de Castro; a Cantata a Ramón Cabanillas (2013), o seu Xograr Martín Codax (2015); Os Eidos (2017), de Novoneyra, ou Wakaba syuu/Follas novas, a edición bilingüe de Follas novas coa que o profesor completou en 2018 a tradución da obra rosaliana á lingua nipoa.

Unha das últimas contribucións de Takekazu Asaka aos estudos galegos é un traballo centrado nas formas de cortesía que tamén verá a luz proximamente na revista da Universidade Tsuda (Toquio).

Departamento: Tema: Cultura, Lingua, Exterior