As XIV Xornadas de Actualización Docente Portugués Lingua Estranxeira céntranse na práctica e avaliación da oralidade

Volver

O secretario xeral de Política Lingüística participou hoxe na inauguración da actividade formativa que se desenvolve no Centro Autonómico de Formación e Innovación

Santiago de Compostela, 4 de outubro de 2019.- O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou hoxe, no Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI), na apertura das XIV Xornadas de Actualización Docente Portugués Lingua Estranxeira organizadas polo Camões, Instituto da Cooperação e da Língua I.P., a través da Coordinación do Ensino do Portugués para España e Andorra, coa colaboración do Centro Cultural Portugués en Vigo.

Valentín García recordou que as linguas naturais “son, primaria e fundamentalmente, faladas” para resaltar a importancia de atender “dunha maneira especial á práctica e a avaliación das destrezas orais nas aulas de portugués ou de calquera outro idioma”. O secretario xeral animou os docentes a trasladar aos institutos todo o que aprendan nesta actividade formativa, “porque o número de alumnos e alumnas que se achegan ao portugués desde a aprobación da Lei Paz Andrade crece grazas ao bo facer do profesorado, á implicación da Administración e ás indubidables vantaxes que ten para calquera estudante coñecedor do galego optar polo portugués como segunda lingua estranxeira, dado que con pouco esforzo os galegos podemos chegar a dominar outro idioma máis”.

O secretario xeral de Política Lingüística estivo acompañado na mesa inaugural por Filipa Soares, coordinadora do ensino portugués en España e Andorra, e Carla Sofia Amado, responsable do Centro Cultural Portugués en Vigo.

Experiencias, debate, materiais e actividades

As XIV Xornadas de Actualización Docente Portugués Lingua Estranxeira, dirixidas a profesorado de institutos de secundaria e escolas oficiais de idiomas, serán impartidas esta tarde e mañá sábado no CAFI polas profesoras da Facultade de Letras da Universidade do Porto Isabel Margarida Duarte e Ângela Cristina Ferreira Renna de Carvalho. A primeira é especialista en pragmática e análise do discurso, así como en lingüística románica comparada aplicada ao ensino do portugués, mentres que a segunda é docente e investigadora na área de didáctica do portugués como lingua estranxeira, segunda lingua ou lingua non materna.

Tras a inauguración, a tarde de hoxe dedícase a unha breve introdución teórica sobre competencia oral e mais á presentación de experiencias e ao debate arredor das dificultades que presenta o ensino-aprendizaxe e a avaliación da oralidade. O día de mañá dedicarase aos materiais e actividades que permiten abordar o ensino do portugués falado, desde os obxectivos ata a avaliación. O Instituto Camões entregaralle un certificado de participación aos asistentes á xornada.

Departamento: Tema: Lingua