O Ramón Piñeiro e a UDC presentan a tradución galega do ‘Lazarillo de Tormes’

Volver

O secretario xeral de Política Lingüística participou este serán, na sede da RAG, no acto onde se deu a coñecer a versión galega deste clásico da literatura castelá

A Coruña, 8 de outubro de 2019.- O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou este serán, na sede da Real Academia Galega (RAG), na presentación da primeira edición bilingüe galego-castelán da obra A vida de Lazarillo de Tormes; e das súas fortunas e adversidades. A publicación é froito da colaboración entre o grupo de investigación Dilec (Didáctica das Linguas e Culturas) da Universidade da Coruña (UDC) e mais do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades (CRPIH), entidade investigadora dependente da Consellería de Cultura e Turismo.

Valentín García saudou “con moita satisfacción” a primeira tradución ao galego deste clásico das letras españolas. O secretario xeral quixo lembrar a importancia da tradución literaria, “tanto para dar a coñecer a nosa literatura, e con ela a nosa lingua, como para traer a Galicia e ao galego o mellor da cultura mundial, a que está máis próxima e a de lugares afastados”. Dunha maneira especial, fixo fincapé na importancia “dos autores clásicos e canónicos das literaturas que nos rodean, con todo o seu valor intrínseco e o seu prestixio”, así como de obras que presentan dificultades de tradución, “por exemplo polo feito de seren antigas, estaren escritas nun rexistro moi coloquial ou outras mil circunstancias que supoñen un reto para os tradutores e permiten ampliar e explorar as infindas posibilidades da lingua receptora”.

Xunto con Valentín García, interviñeron na presentación Manuel González González, coordinador científico do CRPIH e académico da RAG; Armando Requeixo Cuba, secretario do CRPIH, e Alfredo Rodríguez López-Vázquez, editor da versión bilingüe do Lazarillo e catedrático da área de Didáctica da Lingua e a Literatura da UDC.

Primeira versión galega do Lazarillo

O volume bilingüe presentado este serán na sede da Real Academia Galega contén a primeira tradución galega do Lazarillo de Tormes, realizada por Pablo Cano, Iván Enríquez e Iria Sobrino a partir do texto fixado por Alfredo Rodríguez. Ademais do feito de contar cunha versión en galego, esta publicación salienta polo feito de partir da edición perdida de Amberes de 1553, un ano anterior ao resto dos exemplares que se conservan, a través da feita en 1846 por Buenaventura Carlos Aribau.
 

Departamento: Tema: Lingua