Do 15/12 ao 15/12 do 2018

Terrícolas igualiños igualiñas

Por segunda vez este ano, Os Bolechas chegan aos concellos da Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da man do programa FalaRedes.

Comeza: 15/12/18 | 17:30

Onde: Auditorio Municipal | Mondariz | Pontevedra

Volver

Terrícolas igualiños igualiñas é unha actividade que a RDL pon en marcha en colaboración coa Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional. Ao longo do mes de decembro, chegará a 8 concellos da Rede —Abegondo, Cerceda, A Laracha, Rois, Vilalba, Castrelo de Miño, Mos e Mondariz— e ao alumnado de 8 centros educativos —CEIP de Prácticas López Ferreiro, de Santiago; CEIP de Melide nº1; IES Francisco Daviña Rey, de Monforte; IES María Sarmiento, de Viveiro; CEIP de Prácticas da Escola Universitaria de Formación do Profesorado de EXB, de Ourense; CEIP de Ribadavia; CEP Marcos da Portela, de Pontevedra, e CEIP Nosa Señora das Dores, de Forcarei—.

A derradeira actividade do FalaRedes 2018 é un espectáculo participativo destinado a cativos e cativas de 4 a 8 anos e ás súas familias. A súa temática xira arredor dos valores que promove a Constitución Española, que o 6 de decembro de 2018 fai 40 anos. O seu obxectivo é, por unha banda, sumar a Rede de Dinamización Lingüística á celebración deste aniversario e, por outra, promover a educación cívica dos nenos e nenas para que coñezan os principios que guían a nosa lei fundamental, a que abriu a porta ao vixente Estatuto de Autonomía de Galicia e, con el, ao recoñecemento da cooficialidade do idioma galego.

Como é habitual nas iniciativas dos Bolechas para FalaRedes, o protagonista volverá ser o público presente na sala, que deberá axudar os Bolechas participando activamente nunha proposta que conxuga diversión, uso da lingua galega e aprendizaxe. Neste caso trátase de afondar en conceptos como a solidariedade, a amizade, o respecto á contorna e aos demais ou a cooperación e o traballo en equipo que, por outra banda, son valores moi propios destas datas de Nadal. E, como non podía ser doutro xeito, en galego, de forma que aprendan e se divirtan na lingua propia, a que usan sempre os Bolechas, e que permitirá ás cativas e cativos galegos gozar dun momento inesquecible cos seus personaxes favoritos.

Como vén sendo habitual tamén nestas propostas dos Bolechas para FalaRedes, a participación non se limita ao día do espectáculo xa que se amplía e ten continuidade a través das novas tecnoloxías, con actividades e xogos en liña e mais cun concurso no que se poderán gañar lotes de libros dos Bolechas.

  • Espectáculo
  • Entrada de balde
  • Público infantil
  • Actividade escolar
  • S.X. de Política Lingüística