Volver

Repensando Galiza: As Irmandades da Fala (1916-1931)

O Museo do Pobo Galego, o Grupo de Investigación Lingüística e Literaria Galega (ILLA) e a Revista Galega de Historia Murguía organizan, coa colaboración da Consellería de Cultura e Educación a través das secretarías xerais de Política Lingüística e de Cultura, o simposio Repensando Galiza: As Irmandades da Fala (1916-1931) que se celebrará os días 17 a 19 de novembro de 2016.

Este ano cúmprese o centenario da creación das Irmandades da fala (1916-1931), primeiras organizacións do nacionalismo galego. A súa actividade política, cultural e lingüística implicou un importante punto de inflexión no devir do país en moitos ámbitos e sentou as bases da posterior consolidadción de singularidades que chegarían aos nosos días. O presente simposio pretende actualizar estudos previos e fornecer un marco de análise e de debate sobre a súa significación na evolución do pensamento, das ciencias, da literatura e das artes de Galicia, así como a súa incidencia na dinámica política dun período en que as tensións nacionais e a conflitividade socio-política adquiren unha especial relevancia no seo do Estado español.