Volver

As tecnoloxías da lingua. Unha oportunidade para a sociedade galega

Xornada organizada pola Sección de Lingua, Literatura e Comunicación do Consello da Cultura Galega en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística

Dentro do campo das tecnoloxías da información e as comunicacións (TIC), as tecnoloxías da fala e a linguaxe teñen unha importancia especial como ferramentas que facilitan que a comunicación entre persoas estea por riba das barreiras idiomáticas. Permiten a comunicación falada coas aplicacións informáticas e contribúen á redución da fenda dixital na poboación e ao desenvolvemento dunha sociedade dixital inclusiva.

O obxectivo desta xornada é mostrar o estado da cuestión en dous aspectos relevantes das tecnoloxías lingüísticas: o campo da transcrición automática de voz a texto, como elemento fundamental para mellorar a accesibilidade das persoas con discapacidade auditiva aos contidos audiovisuais, e o campo da tecnoloxía do procesado de linguaxe natural como axente facilitador de medios en galego.

O desenvolvemento de aplicacións para unha lingua depende grandemente da dispoñibilidade de tecnoloxía e recursos. En xeral, é necesario aumentar de forma continuada o número, a calidade, a variedade e a dispoñibilidade dos recursos lingüísticos e ferramentas que dan soporte ás aplicacións. Por iso, dedicaremos espazo na xornada a tratar a situación do galego.