Volver

Resolución VI Certame Lingua de Namorar

O xurado do VI Certame Lingua de Namorar emitiu o ditame destes premios convocados pola Secretaría Xeral de Política Lingüística e pola Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado

  • Lingua de Namorar

    Lingua de Namorar

Mensaxes gañadoras da categoría A

1º Premio: Muiñeira, de Nee Barros Fernández

Amarte hei, Carolina, como o lagarto á saia, coma as ferreñas á pandeireta e coma as cunchas ás panxoliñas; para fundírmonos xuntos nun aturuxo indecente dunha tenra foliada.

2º Premio: Tes lume?, de Ania Ferreira Longueira

Tes lume?, preguntei.
El tendeume un chisqueiro.
Eu ante a súa mirada comecei
por dentro a arder.
Creo que nunca chegamos a falar no mesmo sentido.

3º Premio: Amor adiantado, de Uxía Martínez Cabadas

Se importa máis etiquetar nunha foto dun "Quérote", en vez de dicilo; se importa máis unha cariña sorrinte que un aloumiño na mesma face; se o que importa é contestar rápido as mensaxes... Eu négome! Volvamos poñer os escritos de moda, as cancións dedicadas e os bicos baixo a choiva. Namoremos. Seica non necesitamos tanto adianto.

Mensaxes gañadoras da categoría B

1º Premio: Infinito, de Teresa Pérez Lousame

Somos a colisión
das liñas de fuga;
a converxencia
das variables ti e eu
na constante nós.

2º Premio: Fagamos melodía, de Aitana Iglesias Márquez

Róubaslle a Freddie o poder de reinar. Déixate de Rolling, o teu swing faime rabiar. Non preciso a ACDC, ti xa es a miña star. Se es Quinta Sinfonía, pelexo con Beethoven por te tocar. Fagamos melodía, non deixemos de soar. Porque a vida, sen ti, é un Sinistro Total.

 


3º Premio: Terroristas, de Iria Carreira Pazos

Dino tódolos poetas:
cando ti me bicas
párase o mundo.
A Terra frea o seu xiro,
a Lúa muda a súa órbita,
invírtense os polos magnéticos.
Vannos acusar de terrorismo
porque lle descontrolamos tódolos satélites ós yankis.
 

Entrega de premios:

O día 14 de febreiro, coincidindo co Día dos Namorados, realizarase a entrega de premios nun acto público que se celebrará no Museo do Mar de Vigo.