Ver todos os autores

1963 - Rosalía de Castro

Figura emblemática do Rexurdimento, xunto a Pondal e Curros Enríquez, Rosalía de Castro converteuse en símbolo da alma galega por medio da súa poesía intimista e comprometida.

Rosalía de Castro nace en Compostela en 1837, froito das relacións entre unha fidalga solteira e un sacerdote. Ata os oito anos críase na aldea de Ortoño e en Padrón, ao coidado dunha tía. Estes feitos, e o de ser rexistrada como filla de pais descoñecidos, poderían ter contribuído na formación da especial sensibilidade da autora. Posteriormente trasládase coa nai a Compostela, onde é probable que iniciase a súa formación na Sociedade Económica de Amigos del País. Asistía ao Liceo de la Juventud, lugar de encontro dos intelectuais comprometidos co movemento provincialista. As súas correntes ideolóxicas, que impregnarán a obra de Rosalía, eran o socialismo e o republicanismo.

En 1856 Rosalía de Castro trasládase a Madrid, onde pouco máis tarde publicaría as súas primeiras obras: o poemario La Flor -1857- e a novela La hija del mar -1859-. Alí coñece posiblemente a Manuel Murguía, determinante na traxectoria literaria da autora e un dos seus meirandes apoios. Con el casa en 1858 e chegará a ter sete fillos.

A década dos 60 supuxo un período de efervescencia intelectual e política, no que Rosalía e Murguía estaban inmersos seguindo a corrente federalista e republicana. Neste contexto, a autora escribe Cantares gallegos, que publicaría en 1863 marcando o inicio do Primeiro Rexurdimento. Rosalía era xa unha escritora profesional que colaboraba en diversas publicacións, ao tempo que atendía as obrigas familiares entre Castela e Galicia, onde ficaría definitivamente na década dos 70. O seu derradeiro poemario galego, Follas Novas, a obra máis rica e profunda da autora, foi publicado en 1880 na Habana e Madrid.

A existencia de Rosalía estivo sempre marcada polos problemas económicos derivados da inestabilidade laboral de Murguía e pola súa parca saúde. O cancro remataría coa vida da autora en 1885 -dez anos despois de que se instalase en Padrón-, non sen que antes deixara unha importantísima obra en español, tanto poética -En las orillas del Sar- como narrativa -El primer loco, Ruinas, El caballero de las botas azules-. Os restos de Rosalía repousan actualmente no Panteón de Galegos Ilustres, en San Domingos de Bonaval.