Ver todos os autores

1967 - Manuel Curros Enríquez

Manuel Curros Enríquez é, con Rosalía e Pondal, o terceiro gran poeta do Rexurdimento. A súa poesía, de marcado carácter cívico, converteríao en exemplo para posteriores autores de tendencia social.

Nado en Celanova en 1851, aos quince anos marcha a Madrid, onde estuda Bacharelato e Dereito ao tempo que se implica na vida política -seguindo a ideoloxía republicano-progresista- e comeza a colaborar na prensa.

Nos inicios da súa traxectoria compón A Virxe d'o Cristal -1877-, O gueiteiro e Unha boda en Einibó para as presentar a un concurso -que gañaría- por petición familiar. Este fallouse en 1877, ano no que se instala en Ourense como funcionario de Facenda. Inicia así unha etapa de estabilidade que axiña se trunca polas malas relacións do autor coa igrexa. Debeuse en parte á publicación en 1880 de Aires d'a miña terra, no que se incluían poemas de corte anticlerical como "A igrexa fría" ou "Mirando ao chau". O libro acadou un éxito inmediato, acrecentado en parte por unha denuncia do bispo de Ourense na que solicitaba a súa confiscación. Curros foi xulgado e absolto, e a obra sería reeditada en 1881 e 1886.

Con todo, este enfrontamento coa sociedade clerical ourensá levaríao a marchar a Madrid en 1883. Alí exerceu o xornalismo -El Porvenir, El País- ao tempo que escribía O divino sainete -1888-. Unha obra de tinte satírico -iniciaría esta corrente na literatura galega moderna- con novas e reforzadas críticas á igrexa, e que presenta múltiples paralelismos coa Divina comedia de Dante.

En 1894 emigra a Cuba, onde dirixe onde retoma o xornalismo -La Tierra Gallega, El Diario de las Familias, Diario de la Marina- e se achega ao rexionalismo, deixando a un lado os seus ideais republicanos. Alí respaldou iniciativas como a Fundación da Real Academia Galega. Con todo, novos enfrontamentos motivados en parte pola paixón coa que defendía o seu ideario provocan a súa volta a Galicia, enfermo e desencantado, en 1904. Malia recibir senllas homenaxes na Coruña e Madrid, regresou a Cuba ese mesmo ano. Alí morrería en 1908.

A poesía de Curros caracterízase por un marcado carácter cívico -coherente en todo momento coa traxectoria vital do autor- que o convertería en exemplo para os posteriores poetas de tendencia social.