Ver todos os autores

1972 - V. Lamas Carvajal

Lamas Carvajal, adscrito á Xeración de 1868, é un dos autores máis significativos do Rexurdimento pleno. Editou o diario O Tío Marcos da Portela, o primeiro escrito integramente en galego.

Valentín Lamas Carvajal é un dos autores máis representativos do Rexurdimento, pertencendo á Xeración de 1868. Naceu en Ourense no ano 1849 e deixou como legado unha considerable obra poética. Con todo, é especialmente recoñecido polo seu labor como prosista. Nel axustouse á concepción intervencionista da escrita que tan intensamente desenvolveu no eido do xornalismo, contribuíndo á construción dunha prensa galega. Así, dirixiría a revista La Aurora de Galicia e fundou El Heraldo Gallego -1874-1880- e o semanario O Tío Marcos da Portela -1876-1890-. A aparición deste último é un dos feitos máis relevantes na historia das nosas letras, ao tratarse da primeira publicación feita dende Galicia integramente no noso idioma. A súa extraordinaria acollida debeuse principalmente á defensa do labrego dende a perspectiva anticaciquil. Colaborou ademais no xornal El Eco de Orense, que funcionaría baixo a dirección de Lamas ata o seu falecemento en 1906.

A andaina literaria do autor deu comezo con varias composicións líricas, como o poemario Espiñas, follas e frores. Ramiño primeiro -1874-, no que se funden os elementos cultos e folclóricos. A obra -unha das máis salientables de Lamas- foille dedicada ao seu fillo Oliverio, que morrería meses despois. En 1976 completaríaa o Ramiño segundo. Entre a publicación dos dous anteriores traballos vería a luz, en 1875, Dez cartas aos gallegos. Cinco anos máis tarde sería a quenda de Saudades gallegas, que suporía a consagración de Lamas como escritor, quen se consolida como o mellor continuador de Rosalía. O seu último libro de poesía sería A musa das aldeas -1890-.

Como prosista publicou en 1887 Gallegada e, dous anos máis tarde, O catecismo do labrego, a obra máis popular da nosa literatura durante longos anos. O volume parodia un catecismo relixioso por medio dun labrego retranqueiro, ao tempo que denuncia as condicións de penuria económica e social da clase labrega. Trece edicións do libro saíron do prelo en vida do autor, situándoo moi lonxe de calquera outra obra da súa época.