Ver todos os autores

1987 – F. Herrera Garrido

Considerada a primeira muller membro da Real Academia Galega e discípula de Rosalía, Francisca Herrera é unha das máis importantes figuras da nosa literatura feminina.

Francisca Herrera Garrido naceu na Coruña en 1869, no seo dunha familia de clase media. Tras as mortes do único irmán varón e do seu mozo, pouco antes do casamento, decide dedicar o resto da vida a asistir á súa nai. Este amor materno-filial, o ruralismo e a renunca da muller constutuirán os eixos temáticos da súa obra.

Nos inicios foi esencialmente unha poetisa lírica, seguidora de Rosalía de Castro -a quen consideraba a súa mestra-. Froito desta devoción gañou un premio outorgado por El Diario Español de Bos Aires cun traballo sobre a autora de Cantares gallegos. Herrera publica nestes anos os poemarios Sorrisas e bágoas -1913-, Almas de muller... vólallas na luz! -1915- e Frores do noso paxareco -1919-. Considerada autora de verso sinxelo, a maioría seus poemas lembran o folclorismo de Cantares. Con todo, afondan máis na emotividade, creando historias nas que se describen frecuentemente figuras femininas do noso agro nas que se salientan os valores tradicionais da muller.

Tras a morte da nai Francisca trasladouse a Madrid. Alí publica en 1920 a súa obra clave, a novela Néveda. O libro recrea unha complexa trama amorosa ambientada no mundo rural e reflicte o esforzo lingüístico-estilístico da autora por crear unha nova lingua narrativa, adaptada ao mundo sensorial posromántico que agromaba na literatura galega. Con todo, a maior parte das súas innovacións non terán continuidade na literatura posterior.

Publicou varios relatos breves -A y-alma de Mingos, 1922; A neta da naipeira, 1925; Martes de Antroido,1925- e novelas en español -Pepiña, Réproba, Familia de lobos-. Xa en 1931 volta á poesía con A nosa nai Galiza, publicada na revista Nós.

Co inicio da guerra marchou de Madrid. En 1945 foi elixida membro numerario da Real Academia Galega. Malia morrer antes de formalizar o nomeamento, está considerada a primeira muller membro da institución.