Ver todos os autores

1992 - Fermín Bouza Brey

Bouza Brey iniciou coa súa obra Nao senlleira a corrente neotrobadorista da literatura galega. Realizou abondosos estudos, sobresaíndo a temática arqueolóxica e etnográfica.

Fermín Bouza Brey naceu en Ponteareas en 1901. Cursou o Bacharelato en Pontevedra e Ourense e licenciouse en Compostela en Filosofía e Dereito. Nesta cidade, implícase nos movementos culturais e artísticos da época, colabora na revista Ultreya e asina o seu primeiro poema, Romance dos vinte anos -1921-. Xa en 1923 cofundaría o Seminario de Estudos Galegos.

Publicou traballos de investigación nos Arquivos do Seminario de Estudos Galegos, no Boletín da Real Academia Galega, na revista Nós ou no xornal A Nosa Terra. Xa licenciado en Dereito preparou o ingreso na carreira xudicial en Madrid. A este período pertence a novela Cabalgadas en Salnés -1925-. Os incios da súa carreira xudicial levaríano en 1929 a Lleida. Con todo, axiña voltou a Galicia para exercer como xuíz na Estrada, proseguindo co seu traballo no Seminario e na revista Nós.

Nos anos seguintes desenvolve traballos de investigación en Francia e Portugal, pensionado pola Universidade. En 1933 publicaría Nao senlleira, o primeiro poemario da corrente neotrobadorista. Sería Bouza Brey o encargado de abrir, pois, unha das liñas poéticas máis importantes das nosas letras, achegándoas ao mundo da literatura medieval galego-portuguesa.

Durante a guerra civil é afastado do seu posto acusado de masón e galeguista, polo que inicia un periplo que o leva a Lleida e de volta á Estrada. En 1941 ingresa na Real Academia Galega e un ano máis tarde na Real Academia da Historia. Nestes primeiros anos corenta compaxinou o seu traballo de investigador e docente na facultade compostelá de Dereito co cultivo da poesía.

Cesado da carreira xudicial a comezos dos cincuenta, retoma a súa profesión de avogado. En 1955 publicará en Portugal o poemario Seitura, que suporá o abandono radical do neotrobadorismo. Nos seus últimos anos Fermín Bouza Brey dedícase á investigación literaria, arqueolóxica e etnográfica, sobresaíndo os seus estudos sobre a vida de Rosalía de Castro. O autor falece no ano 1973, tras sufrir una serie de doenzas.