Ver todos os autores

1994 - Luís Seoane

Representante da nosa literatura no exilio, Seoane compaxinou o seu labor de poeta e prosista comprometido coa produción plástica que lle depararía importante sona.

Luís Seoane López naceu en 1910 en Bos Aires. Xa en Galicia, estuda Bacharelato e Dereito en Compostela. Nesta cidade mergúllase no ambiente das Irmandades da Fala e da Xeración Nós e entra en contacto cos novos escritores vencellados ás vangardas. Así, perfila a súa vocación artística e a súa ideoloxía. Un galeguismo de esquerdas que o levará a militar na Federación Universitaria Escolar e no Partido Galeguista.

Coa guerra civil exíliase a Bos Aires, onde se convirte nun dos piares do movemento cultural galego. Simultanea os seus traballos pictóricos coa dirección da revista Galicia. Nesta época pon en marcha varios proxectos editoriais co fin de manter vivo o galeguismo e o discurso cultural galego, facendo dende Arxentina o que en Galicia estaba prohibido: prensa galeguista, publicación de novos títulos, exposicións... Estivo ademais á fronte da revista Galicia Emigrante -1954/59-, que anos despois se convertería en programa radiofónico.

Nos anos cincuenta está xa consolidado como artista plástico cunha produción de gravados, litografías, óleos, murais e mesmo cerámicas. Neste punto, decide iniciarse na literatura, ao considerar que é un medio máis axeitado para espallar o seus ideais políticos, facéndoos accesibles para as clases populares. O seu primeiro libro é Tres hojas de ruda y un ajo verde -1948-. Xunto con O Cristo da Montaña -1954-, serán as súas únicas pezas narrativas. Publica os poemarios Fardel de eisilado -1952-, Na brétema, Sant-Iago -1956- e Cicatrices -1959-, nos que predomina a función didáctica e a reapropiación da memoria común con temas como a emigración, o exilio e a morriña. Tamén edita pezas teatrais -La soldadera, 1957, El irlandés astrólogo, 1959-. A súa andaina literaria culmina en 1972 co poemario A maior abondamento, que contribuirá aos inicios da corrente socialrealista en galego.

En 1963 volve a Galicia e incorpórase de maneira activa ao movemento de reactivación da nosa cultura. Así, participou no nacemento do Laboratorio de Formas de Galicia xunto con Isaac Díaz Pardo. Seoane falece na Coruña en 1979.