Ver todos os autores

1996 - Xesús Ferro Couselo

O historiador contribuíu á difusión da nosa lingua e cultura a través de numerosos estudos. Traballou especialmente na recuperación do pasado de Ourense e a súa provincia.

Xesús Ignacio Ferro Couselo naceu en Cordeiro -Valga- en 1906. Ingresou no seminario compostelán e cursou Filosofía e Letras. Moi interesado pola prehistoria, vencéllase ao Seminario de Estudos Galegos, o que o levaría a abandonar a carreira eclesiástica.

En 1931 comeza a colaborar na revista Logos e participa en Pontevedra na fundación do Partido Galeguista. Xa en Tui crea en 1935 a revista Tude, que el mesmo dirixiría. Un ano despois é elixido vicepresidente das Mocedades Galeguistas, mais co obxecto de preparar as oposicións, establécese en Madrid, onde o sorprendeu a guerra civil. Alí ficaría durante o conflito, traballando con diferentes entidades -a CNT, Patrimonio, Cruz Vermella- e formando parte das Milicias Populares Galegas da Frente Popular.

Rematada a guerra instálase en Ourense, iniciando un valiosísimo labor destinado a recuperar o pasado da cidade e a provincia. Ourense foi ademais a receptora de moitas das súas achegas á cultura, como a organización do Museo Arqueolóxico Provincial -1953-, a creación da Agrupación Cultural Auriense -1967- e do Boletín Auriense -1971-.

En 1951 accedeu á Real Academia Galega. No seo da institución apoiou en 1963 a iniciativa de Fernández del Riego de instituír o 17 de maio como o Día das Letras. A produción en lingua galega de Ferro Couselo é escasa, con só 14 traballos dos 121 que conforman a súa bibliografía. Con todo, sobresaen dous escritos dedicados á nosa lingua, A vida e a fala dos devanceiros -1967- e o artigo Como e por qué os escribanos deixaron de empregar o galego.

O historiador contribiu á difusión da nosa cultura e lingua a través doutros medios. Así, participou na creación da editorial Galaxia, a primeira creada en Galicia para a edición de libros en galego tras a guerra civil. Ademais dictou nas décadas dos 60 e 70 conferencias en galego e foi profesor -xunto con Blanco Amor- dos primeiros cursos de galego que se impartiron en Ourense durante a ditadura. Deste xeito, e malia non contar practicamente con obra escrita na nosa lingua, a súa biografía fíxoo merecedor dunha homenaxe da cultura galega.