Ver todos os autores

1998 - Martín Códax, Mendinho e Johan de Cangas (Poetas Medievais da ría de Vigo)

Estes tres poetas representan a extraordinaria eclosión de creatividade que estourou en Galicia, e en galego, no período trobadoresco.

Joham de Cangas, Meendinho e Martin Codax aparecen nun período da nosa historia no que a lingua, considerada habitualmente como galego-portugués, agromaba interna e externamente coa consolidación do seu léxico primeiro. Nel influíron empréstimos de procedencia galo-románica e condicionantes históricos como as primeiras peregrinaxes a Compostela.

A etiqueta de galego-portugués, no noso caso, ten un dobre sentido: por un lado designa o conxunto de falares da faixa occidental da Iberia na súa etapa medieval. Noutro, máis específico, designa a koiné literaria na que se expresan os poetas da nosa tradición trobadoresca.

Os expertos consideran que entre finais do século XII e comezos do XV Galicia estaba inserida na cultura do occidente e era núcleo dun poder político que abranguía as actuais Castela, León e Estremadura. Neste territorio a nosa era unha lingua de cultura, de manifestacións artísticas que, como as dos nosos trobadores, beberon das súas fontes populares para, logo de seren traballadas, percorre-las cortes e os pazos.

A obra destes nosos cantores forma parte dun conxunto de 1679 textos profanos plasmados en tres grandes cancioneiros manuscritos -cancioneiro da Ajuda, da Biblioteca Nacional de Lisboa e da Vaticana-. Tamén en manuscritos soltos -Pergameu Vindel- e 427 cantigas relixiosas, as chamadas marianas.

Os xograis, segreis e trobadores non divertían os homes, definición que, nunha sociedade eminentemente feudal como aquela, determina ás claras a función dos participantes no xogo poético. Moi pouco sabemos de Joham de Cangas, Meendinho e Martin Codax e son moi poucas as pezas literarias que poden atribuírselles. Do primeiro deles conservamos tres cantigas de amigo, mentres que só unha de Meendinho fronte ás sete de Martin Codax, todas elas co mundo poético de Vigo e os seus moi distintos lugares.