Ver todos os autores

2000 - Manuel Murguía

Manuel Murguía foi o máis salientable representante do galeguismo e da historiografía galega no século XIX. O seu labor resultou fundamental para a creación dunha cultura nacional en Galicia.

Manuel Antonio Martínez Murguía naceu en Arteixo en 1833. En Compostela estuda Humanidades, Latín e Filosofía e frecuenta o Liceo de la Juventud, onde coñecerá a Aurelio Aguirre, Eduardo Pondal e Rosalía de Castro. En 1853 trasládase a Madrid, onde exerce como redactor en xornais e revistas e se inicia na escrita literaria. Un ano máis tarde ve a luz a súa primeira novela, Desde el cielo, que acadaría máis de dez edicións. Seguiríalle Mi madre Antonia, en 1856. Malia o éxito, deixa a un lado a literatura para dedicarse á súa verdadeira paixón, a erudición profesional en campos como a filoloxía, a arte, a historia, a arqueoloxía, o folclore ou mesmo a xeoloxía.

En 1858 casa en Madrid con Rosalía de Castro e un ano máis tarde regresa a Galicia. En 1862 publica o seu inconcluso Diccionario de escritores gallegos e un libro sobre a historia de Galicia destinado ao ensino primario, La primera luz. Pero a súa contribución máis salientable neste eido foron os dous primeiros tomos da Historia de Galicia -1865 e 1866-, obra que marcaría un fito na historiografía galega e na conformación do espírito galeguista.

En 1868 ingresa no Corpo de Arquiveiros e Bibliotecarios. Expulsado do mesmo en 1876 retoma o xornalismo, salientando o seu labor na revista La Ilustración Gallega y Asturiana, que dirixe entre 1879 e 1881. Xa en 1885, ano no que morre Rosalía, publica Los precursores, no que compila as biografías dos devanceiros do rexionalismo. Inicia así unha etapa na que será figura clave deste movemento. Participou nos Xogos Florais de Barcelona de 1890 pronunciando un discurso sobre a historia do rexionalismo galego, presidiu a Asociación Rexionalista Galega, e dirixiu o seu xornal La Patria Gallega. Nos Xogos Florais de Tui de 1891, organizados pola ARG e que el mesmo preside, fala por primeira vez en público en galego. En 1906, xa xubilado, participa na fundación da Real Academia Galega, que presidirá ata a súa morte en 1923.