Ver todos os autores

2001 - Eladio Rodríguez

O lexicógrafo Eladio Rodríguez González, ten un espazo reservado na historia das nosas letras por ser o autor do Diccionario Enciclopédico Gallego-Castellano. Virán moitos outros traballos posteriores que o superen, pero xa ningún terá o mérito de ser o primeiro gran diccionario da lingua galega.

Eladio Rodríguez González naceu en San Clodio -Leiro, Ourense- en 1864. Funcionario municipal da Coruña e xornalista de profesión, foi por afección poeta, lexicógrafo e activista cultural.

Como xornalista profesional iniciouse en 1888 no xornal coruñés La Mañana, que chegaría a dirixir. A partir do ano 1896 pasa a dirixir El Noroeste -A Coruña- e dende o 1905 é correspondente do ABC -Madrid-. Ademais colaborou en numerosas publicacións da época -O Tío Marcos da Portela, A Gaita Gallega, Galicia, A Nosa Terra, etc.- e participou na fundación da Asociación de Prensa da Coruña, da que chegaría a ser presidente.

Como poeta recibiu numerosos galardóns en distintos Xogos Florais e Festas da Lingua -antecedentes dos actuais premios literarios-, recitou en numerosos actos públicos e publicou tres libros de poesía Folerpas -1894-, Raza e Terra -1922- e Oraciós campesiñas -1927-.

Como activista -se cadra resultaría máis politicamente correcto dicir, animador- cultural formou parte da Cova Céltica -1894-, foi membro fundador da Real Academia Galega -1906-, da Irmandade da Fala da Coruña -1916- e do coro Cántigas da Terra -1917-. No ano 1920 foi nomeado secretario da Real Academia Galega e no 1926, presidente, cargo ó que renuncia por cuestións de saúde no 1934.

Como lexicógrafo traballou dende o 1914-1916 na elaboración do Diccionario Enciclopédico Gallego-Castellano, do que foi anunciada varias veces a súa saída, pero que el non puido ver impreso en vida. A edición do primeiro tomo desta obra realizouna a editorial Galaxia no ano 1958, nove anos despois da morte do seu autor.