Ver todos os autores

2004 - X. Lorenzo Fernández

Etnógrafo e historiador, Xaquín Lorenzo Xocas desenvolveu numerosos estudos que contrubuíron á recuperación do folclore e a prehistoria de Galicia. O seu traballo foi recoñecido con galardóns como o Premio Otero Pedrayo -1982- e a Medalla Castelao -1984-.

Xaquín Lorenzo Fernández nace en Ourense en 1907. Realiza os estudos primarios na casa e cursa o Bacharelato no Instituto do Posío, onde recibe o maxisterio de Ramón Otero Pedrayo. Un verán na aldea, enreda facendo a maqueta dun carro e anotando os nomes das súas pezas. O traballo chega ás mans de Florentino López Cuevillas que o anima a afondar nos estudos etnográficos.

En 1926 trasládase a Compostela onde cursa Filosofía e Letras e se integra no Seminario de Estudos Galegos -SEG-, onde presentará o seu traballo O carro galego. Comeza a súa colaboración en Nós e, co seu irmán, publica Un casamento en Lobeira -1928-. Con Cuevillas realiza as súas primeiras escavacións arqueolóxicas e escribe a monografía Vila de Calvos de Randín -1930-.

Cataloga os castros da Terra de Lobeira e é nomeado co-conservador do Museo Etnográfico do SEG en 1932. Participa na redacción dunha normativa para a unificación do idioma galego e en 1935 marcha a Madrid para traballar no Centro de Estudios Históricos, dende onde participa na campaña a favor do Estatuto de autonomía de Galicia. En 1936 publica con Cuevillas e Vicente Fernández Parroquia de Velle.

En 1958 edita «Enredos» recollendo xogos populares e en 1962 aparece «Etnografía. Cultura material», a súa achega á Historia de Galiza de Otero Pedrayo. Prepara asemade a edición do Cantigueiro Popular da Limia Baixa -1974-. Xa en 1967 apadriña o nacemento en Ourense da Agrupación Cultural Auriense e implícase na dinamización cultural da cidade. Forma parte do consello asesor do Boletín Auriense e participa na constitución do Padroado do Museo do Pobo Galego.

Coa morte de Otero Pedrayo, en 1976, Lorenzo convértese no depositario da memoria histórica da Xeración Nós. É elixido presidente do Museo do Pobo Galego en 1977, cargo que desempeñará até a súa morte -en 1989-. Publica Refraneiro Galego. En 1978 auspicia a recuperación histórica do Partido Galeguista e dous anos máis tarde apoia o manifesto do grupo Realidade Galega pedindo o voto afirmativo para o Estatuto de autonomía de Galiza.