Ver todos os autores

2005 - Lorenzo Varela

A produción literaria de Varela no exilio non chegou nos máis dos casos a Galicia. Deste xeito, o poeta adscrito á Xeración de 1936, non viu recoñecido en vida o seu labor, o que o levaría a pasar os seus últimos anos en Madrid.

Xesús Lourenzo Varela Vázquez nace na Habana en 1917, fillo de emigrantes procedentes de Monterroso. Trasladaríanse despois a Bos Airese con quince anos volve a Galicia. En Lugo pasa o resto da infancia e participa, en 1933, na fundación da Federación de Mocedades Galeguistas, xunto a Ramón Piñeiro. Sería expulsado pouco despois, ao vencellarse á Esquerda Comunista marxista.

En 1934 marcha a Madrid para abeirarse da represión e estudar Filosofía e Letras. Alí móvese nos círculos trotskistas e contacta co grupo PAN -Poetas Andantes e Navegantes-, exerce como crítico literario no xornal El Sol e participa nas Misións Pedagóxicas. Escribe o poemario Diario dun fauno, que nunca chegará ao prelo porque un esixente Varela decide que non teñen calidade abonda.

Co inicio da guerra únese ao exército republicano e colabora en revistas como Hora de España, El Mono Azul, Ahora ou Milicia Popular. Trala contenda exíliase en México, onde Octavio Paz facilitará a súa participación na revista Taller, que el dirixe. Será alí onde Lourenzo Varela publique o seu primeiro poemario individual: Elegías españolas: Elogio del Llanto. Tribunal del Virgo -Primera elegía del muladar-. Desagravio del vino tinto -1940-. En 1941 volve a Bos Aires, onde contacta con exiliados galegos como Dieste ou Luís Seoane. Colabora coa revista Sur e publica o poemario Torres de amor -1942-, que tería continuidade en Sonetos del Ruiseñor. Ademais, asume a dirección da revista Mar a mar e inicia o seu labor como tradutor.

Estrea a súa produción en galego en 1944 con Catro poemas para catro gravados, que acompaña o álbum María Pita e tres retratos medievais de Luís Seoane. Trátase de catro poemas épicos que anticipa a poesía civil que despois agromará en Galicia con Celso Emilio Ferreiro. Poesía rebelde, de resistencia, recreadora de mitos combativos como María Pita, Roi Xordo ou María Balteira. Á par da creación lírica, continuará co seu labor xornalístico e escribe varios ensaios sobre arte e contos que nunca chegarán á imprenta. Xa en 1954 publica o poemario Lonxe.

O poeta regresa a Galicia en 1976, e vencéllase a diversos proxectos culturais. Con todo non atopa o recoñecemento merecido ao seu labor cultural no exilio e trasládase a Madrid, onde falece en 1978.