Ver todos os autores

2012 - Valentín Paz Andrade

Valentín Paz-Andrade nace o 23 de abril de 1898 en Lérez (Pontevedra) e morre en Vigo, o 19 de maio de 1989. Home de profundas conviccións galeguistas espallou o seu pensamento nos ámbitos da avogacía, da empresa, do xornalismo, da política e da literatura.

Licenciouse en Dereito en Santiago de Compostela en 1921. Da man do seu tío, o poeta Xoán Bautista Andrade, coñece a Castelao e participa no 1919 na II Asemblea Nacionalista. Posteriormente, foi secretario do Partido Galeguista, candidato ás Cortes Constituíntes de 1931 e colaborador na redacción do Estatuto de Autonomía. Xa nos anos setenta, podemos velo vinculado a diversas organizacións como a Xunta Democrática. En 1977 foi elixido senador por Pontevedra pola Candidatura Democrática Gallega nas Cortes Constituíntes.

Dentro da literatura iníciase no eido da narrativa cunha obra que non chegou a publicar datada de 1921, Soldado da morte. Formou parte da Xeración poética de 1925 e deixounos títulos como Pranto Matricial (1954), Sementeira do Vento (1968) ou Cen chaves de Sombra (1979). Tamén escribiu ensaio literario, histórico e económico, así como obras relacionadas co mundo empresarial pesqueiro: Principios de economía pesquera (1954), Galicia como tarea (1959) ou La marginación de Galicia (1970), son algúns exemplos.

O xornalismo formou parte dende moi cedo das súas inquedanzas. Colaborou en diferentes revistas literarias como O Ensino, Grial e Outeiro. Dirixiu, entre 1922 e 1926, o xornal Galicia e tamén publicou artigos de carácter político e económico en El País, La Vanguardia ou Industrias Conserveras.

Traballador incansable, sempre tivo como norte o desenvolvemento económico de Galicia e formou parte de diferentes iniciativas emprendedoras. Cómpre destacar o seu labor como promotor e vicepresidente do grupo industrial Pescanova, así como o seu destacado papel como técnico da FAO.

Valentín Paz-Andrade, o poeta, o ensaísta, o político, o empresario é un exemplo de home polifacético que fixo da súa vida unha entrega á tarefa que el sempre considerou primordial: a modernización e o desenvolvemento de Galicia.