Ver todos os autores

2011 - Lois Pereiro

Nacido o 16 de febreiro de 1958 en Monforte de Lemos, Lois Pereiro foi un dos referentes da poesía galega contemporánea. En 1975, con 17 anos, marchou a Madrid continuar os seus estudos e alí fundará a revista Loia, xunto con Xosé Manuel Pereiro, Antón Patiño e Manuel Rivas. Nesta publicación verán a luz os seus primeiros versos, algúns dos cales serán recollidos posteriormente en Poemas para unha loia (1996).

Durante a súa mocidade gaña o Premio de Poesía O Facho e participa nos dous libros colectivos De amor e desamor (Edicións do Castro, 1984 e 1985). Será Poemas 1981-1991 (Edicións Positivas) a obra que o converta, segundo Manuel Rivas, "no clásico que ten a literatura galega sen sabelo".

Desde a cidade da Coruña, onde se estableceu a comezos da época dos 80, Lois Pereiro participará de forma activa nun momento de cambio, de experimentación e de apertura a múltiples tendencias e influencias foráneas que reflectiu e exemplificou na súa produción creadora.

Morre o 24 de maio de 1996, pouco despois de publicar Poesía última de amor e enfermidade 1992-1995 (Edicións Positivas, 1995), “un libro intenso e apaixonado, dos máis duros e descarnados da literatura galega”, en palabras de seu irmán, Xosé Manuel Pereiro.

Coñece máis sobre a vida e obra de Lois Pereiro a través dun texto de Xosé Manuel Pereiro no web da Real Academia Galega, onde se pode consultar tamén o programa de actos conmemorativos do Día das Letras Galegas.