Ver todos os autores

1978 - Antonio López Ferreiro

A obra narrativa de López Ferreiro, continuador da liña romántica, consolidou un conxunto de valores que serviron como base na reconstrución da consciencia histórica do ser galego.

Antonio López Ferreiro, considerado o mellor novelista e un dos grandes eruditos galeguistas do século XIX, naceu en Santiago en 1837 no seo dunha familia burguesa. Cursou estudos de Filosofía e Letras e Dereito na Universidade Literaria e fixo carreira eclesiástica. En 1863 realiza o doutoramento en Teoloxía na universidade central, para matricularse posteriormente na Escola Diplomática de Madrid. Esta formación sérvelle para obter o título de arquiveiro municipal. Dedícase entón á transcrición de documentos galegos do Arquivo Histórico Nacional. Ademais, aprenderá Paleografía, Latín Medieval, Numismática, Epigrafía, Xeografía, Historia Medieval, Bibliografía e Historia das Belas Artes. Xa en 1866 é nomeado sacristán maior da igrexa madrileña de San Antonio de los Alemanes, mais regresará a Galicia ese mesmo ano ao conseguir o posto de párroco de Santa Olalla de Vedra. Un polémico artigo valeríalle o nomeamento como coengo da Catedral de Santiago. É El matrimonio civil en sus relaciones con la religión, la moral y la libertad, no que refutaba o discurso pronunciado nas cortes por Montero Ríos en defensa da lei do casamento civil de 1870.

Moi interesado no pasado de Galicia, exerceu durante anos como catedrático de Arqueoloxía Sagrada no Seminario de Compostela, e realizou un labor destacado no achádego das reliquias do Apóstolo. Neste campo publicaría a obra Lecciones de arqueología sagrada -1889-. As súas inquedanzas históricas levárono ademais a compoñer máis de cincuenta obras sobre temas como o priscilianismo ou os foros galegos. Así, desenvolveu un importante papel en revistas como El Porvenir, El Libredón, El Pensamiento Gallego ou Galicia histórica -1901-1903-, unha magnífica publicación creada por el mesmo.

Esta paixón quedou tamén reflectida na súa obra literaria, ateigada de descricións de monumentos, comentarios históricos, citas de documentos non publicados... Ocorre en obras como os romances A tecedeira de Bonaval -1894-, O castelo de Pambre -1895- ou O niño de pombas -1905-, ambientados nos séculos XIV, XIX e XII, respectivamente. López Ferreiro faleceu en Vedra no ano 1910.