Volver

LETRAS GALEGAS 2016

Videoclip A cidade

No marco da programación Letras Galegas 2016 posta en marcha pola Consellería de Cultura e Educación, a Secretaría Xeral de Política Lingüística colabora, canda á Deputación Provincial de Ourense, a UVigo e o Colectivo Re.creo, nesta peza audiovisual baseada na canción do proxecto Canta o cuco (Editorial Galaxia, 2016), inspirada no poema homónimo de Manuel María (As rúas do vento ceibe, 1979) e composta e interpretada por Uxía e Magín Blanco.

  • Videoclip A cidade

    Videoclip A cidade

Videoclip

Ficha técnica:
Título: A Cidade
Tipo: Videoclip infantil Duración: 4 min 37 s. (canción + créditos) Lugar de rodaxe: Ourense Música: Magín Blanco e Uxía Letra: Manuel María Produtora discográfica: Galaxia Dirección: Otto Roca e Marcos Nine Produción: Colectivo Re.Creo Montaxe: Marcos Nine Dirección de fotografía: Otto Roca Posprodución: Fran X. Rodríguez Intérpretes: Colectivo Re.Creo, amigos, amigas e cidadanía. Representan a diversidade dos habitantes da cidade.


Localización
A localización das escenas emprázase na cidade de Ourense. Fíxose unha selección daqueles lugares que axudarían a construír un imaxinario actual da cidade: ao inicio recóllese a imaxe xeral que se ten desde os miradoiros naturais, na que se percibe o val aberto no que asenta Ourense, atravesado polo río Miño e estruturado na dirección do seu afluente, o Barbaña. Xa desde estas panorámicas e logo nas secuencias que percorren as rúas, amósase a cidade como unha suma de barrios entrelazados: a Ponte, o Couto, Covadonga, San Francisco, O Polvorín, A Milagrosa, O Casco Histórico, o Centro… con especial atención aos edificios e espazos libres que constitúen o referente da súa cidadanía: as Burgas, o Teatro Principal, o Museo Arqueolóxico, o colexio Curros Enríquez, o cemiterio de San Francisco, os xardíns do Padre Feijoó, o parque de San Lázaro, o Campus Universitario no Hospital Vello, a Praza de San Marcial… e engadindo, de xeito cómplice, elementos significativos na historia local: cheminea da muiñeira, graffiti do coche, grafitti do paragüeiro, estatua do Carrabouxo…
As escenas graváronse entre abril e maio de 2016.

Sinopse
A canción "A Cidade" fala do ambiente dunha cidade desde a vivencia que se experimenta ao percorrela no día a día, enumerando espazos e actividades urbanas e transmitindo certa idea de balbordo, diversidade e movemento.
As imaxes amosan unha cidade en branco e negro que é contemplada desde a distancia por nenos que portan un globo de cor. No interior, unha nena desgustada recibe un destes globos e inicia unha viaxe polos barrios, ao tempo que se van vendo outros nenos e nenas que tamén levan globos de cores, que camiñan, que se xuntan e que comezan a regalarlles estes globos ás persoas que van atopando. Estes actos fan que a cidade recupere de novo as cores e que, finalmente, todos os nenos e nenas ceiben os globos que ascenden ao ceo cara novas direccións.
A idea que subxace no guión é que son os nenos e as nenas quen portan as cores da cidade e a xenerosidade de regalarlles estas luces ás persoas que habitan nela.

Estrutura
A obra presenta unha tripla lectura que vén dada pola letra da canción, as imaxes da cidade e a narración simbólica da cativada portadora das cores. Esta complexidade acentúase na estrutura non lineal do guión que, apoiada na forma compositiva da canción a partir da repetición de estrofas do poema de Manuel María, xera un tempo suspendido que rompe o transcorrer natural para adiantar o momento máis intenso do vídeo, cando todos os nenos e nenas corren en círculo no corazón da cidade.
A introdución sucesiva de escenas de contido simbólico enriquecen e xeran múltiples discursos narrativos.

Letra
A cidade ten castelo e muralla medieval / o museo, hai que velo! /e unha rúa principal.
 Que conxunto tan fermoso con igrexas e xardís / e cun río caudaloso veireado de xasmís!
 A cidade ten cafeses wiskis-clubs e polución, / cemiterio con cipreses e un fermoso malecón.
 A cidade ten escolas e ten cines e teatros / ten douscentos parvacholas e trescentos maragatos! A cidade nunca tivo nin industria ou desenrolo / só un comercio cativo e o seu consabido tolo! A cidade ten paseos, barrios vellos, arrabais, / chavolismo, rañaceos e gardas municipais.