Volver

AULA DE GALEGO. LIBRO DO PROFESORADO

Unidade 10. Gustoume moito

Remita os seus estudantes á fotografía da portadiña e pregúntelles se coñecen o lugar que aparece nela ou se lles recorda a algún que coñezan

Trátase da praia das Catedrais, que se atopa no concello lucense de Ribadeo. Esta praia é coñecida polo efecto do mar nos cantís, moi semellante nalgunhas zonas aos arcos dunha catedral, característica que a converte nun lugar con moita afluencia turística. Pregúntelles aos seus alumnos e alumnas se lles gusta facer fotos, gravar vídeos ou mercar recordos dos lugares que visitan e anímeos a levar á clase algún para comentar cos compañeiros e compañeiras como foi a viaxe, que foi o que máis lles gustou…

Presente despois os obxectivos e a tarefa final da unidade: facer unha lista das cousas máis interesantes do lugar no que están.