CURSO MEDIO DE LINGUAXE ADMINISTRATIVA
Limiar
Os empregados públicos de Galicia teñen demostrado nos últimos anos a súa vontade decidida de mellorar continuamente o servizo que lle ofrecen á cidadanía. Da súa man, a Administración cumpre a súa obriga de promoción do galego, garante os dereitos lingüísticos dos cidadáns e faise máis igualitaria, próxima e eficaz na súa comunicación con eles.
O obxectivo dos novos cursos en liña, promovidos pola Secretaría Xeral de Política Lingüística en colaboración coa Escola Galega de Administración Pública, é favorecer este proceso e facilitarlle ao funcionariado a formación necesaria para levalo adiante. As tecnoloxías da información e da comunicación aplicadas á aprendizaxe e ao coñecemento axúdannos a facelo máis doadamente, cun curso práctico e completo, visualmente atractivo, fácil de manexar e titorizado por bos profesionais que, ademais, permite superar as limitacións de espazo e de tempo que ofrece a formación tradicional.
Dámoslle, pois, a benvida a este curso, convencidos de que a súa realización redundará nunha mellor atención á cidadanía e na comunicación eficaz e accesible con ela que debe caracterizar as sociedades democráticas.
Anxo M. Lorenzo Suárez
Secretario xeral de Política Lingüística
Pablo Figueroa Dorrego
Director da EGAP