Volver

DATOS BÁSICOS DA LINGUA GALEGA

Competencia e usos

Dentro do marco das chamadas linguas minoritarias europeas, a galega é, con diferenza unha das que mostra unha maior fortaleza no que se refire a número de falantes.

Case as tres cuartas partes da poboación censada en Galicia fala galego en maior ou menor medida

Segundo a Enquisa de Condicións de Vida das Familias 2013, elaborada polo Instituto Galego de Estatística, case as tres cuartas partes da poboación censada en Galicia fala galego en maior ou menor medida, o que quere dicir que algo máis de dous millóns de persoas usan habitualmente a lingua propia de Galicia na súa vida diaria (relacións familiares, sociais, laborais etc.).

No entanto, se se efectúa unha análise comparativa en relación cos datos correspondentes ás enquisas precedentes, obsérvase un pequeno descenso na porcentaxe de persoas que, habitualmente, se comunican en galego na súa vida ordinaria.

Comparativa de persoas que se comunican en galego na súa vida ordinaria
Galicia 2003 2008 2013
Máis galego ca castelán18,22%26,44%20,06%
Máis castelán ca galego18,73 %22,45 %22,00%
En castelán sempre19,56 %20,05%25,95%
Outras situacións0,50 %1,10 %1,15%
Total100,00 %100,00 %100,00%
Falantes de galego “en maior ou menor medida”79,93 %78,85 %72,9%

IGE. Enquisa de condicións de vida das familias.
Nota: os datos fan referencia á poboación de 5 ou máis anos.

Á luz destes datos, parece patente unha baixada de falantes de galego, sobre todo entre os máis novos. A hipótese que mellor pode explicar este feito é a que se refire a que existe un problema na transmisión interxeracional. Non se trata dun problema exclusivo de Galicia. A el enfróntanse tamén sociedades xeográfica e referencialmente próximas como a vasca e a catalá.

Paralelamente é innegable que existen en Galicia puntos fortes nada desdeñables á hora de facer unha análise obxectiva:

  • Tres cuartas partes da poboación falan galego en maior ou menor medida, algo que sucede en moi poucas comunidades cunha lingua minoritaria.
  • Os maiores descensos de falantes de galego prodúcense entre aqueles que non tiveron ensino en galego (realmente entre os nacidos antes de 1973).
  • Incrementouse notablemente o número de persoas bilingües (galego –castelán) así como os usos bilingües.
  • A presenza da lingua aumentou no ensino nos últimos 10 anos: nas relacións entre o alumnado, entre estes e o profesorado, e entre estes últimos e os pais o uso do galego experimentou un ascenso.
Persoas que estudan en Galicia segundo a lingua na que falan cos seus profesores
  2003 2008 2013
Nunha soa lingua51,77%37,51%26,27%
Nas dúas linguas48,23%62,49%73,74%

Fonte: IGE. Enquisa de condicións de vida das familias.
Nota: os datos fan referencia á poboación de 5 ou máis anos que recibe ensino regrado na actualidade en Galicia e fala habitualmente cos seus profesores.

Competencia

Desde a última Enquisa de Condicións de Vida das Familias, do ano 2008, aumentou o número de persoas que di ter un grao alto de coñecemento oral e escrito do galego. É unha recuperación especialmente importante porque a tendencia previa, tal e como pode deducirse da comparación dos datos do 2003 e do 2008,  era de descenso. Esta mellora do coñecemento do galego confírmase nas catro destrezas analizadas (comprensión oral, comprensión escrita, expresión oral e expresión escrita). 

Comparativa de persoas que saben falar galego/persoas que saben escribir galego 

  Persoas que saben falar galego Persoas que saben escribir galego
  2003 2008 2013 2003 2008 20013
Moito67,94%54,13%57,31%28,08%25,25%29,40%

 Fonte: IGE. Enquisa de condicións de vida das familias 2013.

A familia segue a ser a principal vía de aprendizaxe do idioma galego: o 82,17% dos galegos aprendeu a falar o galego neste ámbito. Con todo, cómpre ter en conta que, se nos cinximos á poboación menor de 30 anos, a escola supera a familia como medio de aprendizaxe. Aínda así, un 67,56% dos mozos sinala a familia como un dos seus espazos de aprendizaxe da lingua.