Volver

ORIXE E BREVE HISTORIA

Século XIX

 O século XIX marca a recuperación dos usos literarios do galego, á vez que -da par dos cambios políticos e económicos que traen o Estado liberal e o capitalismo- se inicia unha progresiva perda de falantes.

  • Rosalía de Castro

    Rosalía de Castro

A principios do século XIX, o galego era aínda a lingua oral de case toda a poboación. A partir da metade do século, o castelán vai substituíndo o galego entre a burguesía urbana.

Mais o século XIX é tamén o da recuperación do galego como lingua de cultura. Rexurdimento é o nome do movemento de renovación que tivo lugar en Galicia nesta centuria e que supuxo a dignificación literaria da nosa lingua propia. Cantares gallegos, a primeira obra escrita totalmente en lingua galega, publicada en 1863 por Rosalía de Castro, inaugurou o chamado Rexurdimento pleno.

Contra finais do século o uso literario do galego comezou a estenderse a outros xéneros diferentes do lírico que ata entón predominara, como o narrativo e o dramático, aínda que con limitacións que confinaban a lingua propia de Galicia nas temáticas histórica e costumista.

As primeiras gramáticas e dicionarios galegos, esenciais para a súa estandarización, apareceron tamén no século XIX.