Volver

ORIXE E BREVE HISTORIA

Tempos de dificultades

 

A fins do Medievo, a lingua galega entrou nun período de decadencia nos seus usos formais e literarios, provocado fundamentalmente por un contexto sociopolítico dominado por unha clase mandataria foránea e allea aos intereses culturais e identitarios de Galicia.

  • Frei Martín Sarmiento

    Frei Martín Sarmiento

Malia a pervivencia da lingua no ámbito privado e nos contextos de comunicación informal, o galego estivo ausente dos usos formais e escritos durante un longo período de tres séculos –XVI, XVII e XVIII–, chamados Séculos Escuros.

No entanto, no século XVIII houbo voces que, influenciadas polos ideais ilustrados, mostraron a súa preocupación polo subdesenvolvemento do galego e propugnaron a súa estandarización e a súa introdución nas escolas.

Figura senlleira desta época é o padre bieito frei Martín Sarmiento (1695-1779). Unha das preocupacións de Sarmiento foi o coñecemento científico do idioma galego, que recolleu en varios traballos de campo e que estudou en numerosos escritos. O interese filolóxico do bieito polo galego herdouno o frade da mesma orde, frei Juan Sobreira (1746-1805). Outra das preocupacións de Sarmiento foi a situación de marxinación social do galego. En numerosos lugares denuncia que o galego non sexa a lingua da alfabetización, da Administración e da Igrexa.