Volver

Proxectos externos

A Secretaría Xeral de Política Lingüística ten asignadas, entre outras funcións, a de promover, coordinar e desenvolver a política de investigación que favoreza a normalización lingüística nas súas diferentes manifestacións, especialmente no eido do léxico e da terminoloxía, así como promover o diálogo, a cooperación e a colaboración con outras institucións competentes en materia de política lingüística.

Proxectos do Instituto da Lingua Galega

O Instituto da Lingua Galega (ILG) da Universidade de Santiago de Compostela é un referente de recoñecido prestixio na súa contribución ao desenvolvemento da investigación científica sobre a lingua galega dende o ano 1971. A Secretaría Xeral de Política Lingüística contribúe a financiar boa parte dos seus proxectos actuais: a preparación dos seguintes volumes do Atlas Lingüístico Galego, así como a corrección e mantemento da súa base de datos; o deseño e elaboración dunha nova aplicación para a lematización, etiquetamento e revisión do Tesouro Informatizado da Lingua Galega (TILG, na rede); a transcrición e edición de documentos galegos de coleccións diplomáticas de mosteiros, como o de Santa María de Oia; a ampliación e depuración do corpus de textos romances da Galicia Medieval (TMILG, na rede) e o arrequentamento do Inventario Toponímico da Galicia Medieval (ITGM) ou a actualización do Arquivo do Galego Oral (AGO) e mais a mellora do Corpus Oral Informatizado da Lingua Galega (CORILGA).

Proxecto Toponimia de Galicia

O proxecto Toponimia de Galicia constitúe un plan orientado a recoller de forma exhaustiva a microtoponimia viva, como complemento ao Nomenclátor de Galicia que recolle toda a toponimia maior do noso territorio (concellos, parroquias e lugares). A través dun método de enquisa oral, recóllense os nomes xeográficos para introducilos posteriormente nunha base de datos, fixar unha forma normalizada e implantala nun soporte cartográfico, que lles será facilitada a todos os organismos implicados (concellos, INE, Castastro, etc).

A Secretaría Xeral de Política Lingüística colabora neste proxecto promovido pola Comisión de Toponimia da Xunta de Galicia e pola Sociedade Anónima para o Desenvolvemento Comarcal de Galicia.

Por outra banda, a Secretaría apoia o Seminario de Onomástica da Real Academia Galega, tanto na solución de problemas xeográfico-administrativos do Nomenclátor de Galicia como na elaboración de informes sobre nomes e apelidos galegos.

Estudos sociolingüísticos

Desde o ano 1990, no que comezara a súa andaina o Seminario de Sociolingüística da Real Academia Galega, lévanse realizado nese grupo de traballo ambiciosos proxectos para a análise e o coñecemento da situación sociolingüística, que permiten deseñar e aplicar medidas de actuación axeitadas á realidade. Na actualidade desenvolven unha investigación destinada a avaliar as competencias bilingües do alumnado galego ao finalizar o ensino secundario obrigatorio; pero centra a súa actividade en tres proxectos de demografía e evolución da situación sociolingüística.

Proxectos terminolóxicos

Co fin de procurar os recursos lingüísticos necesarios nos distintos ámbitos da sociedade, a Secretaría Xeral de Política Lingüística apoia economicamente diversos proxectos de desenvolvemento de vocabularios específicos. Algúns exemplos son os léxicos de botánica, de automoción e de deportes que están en fase de revisión da Real Academia Galega, ou as bases de datos de Termigal de linguaxes de especialidade, un proxecto do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, dependente da Secretaría Xeral de Política Lingüística, en colaboración coa Real Academia Galega. Termigal realiza, ademais, o proxecto Arrecada, concibido para recoller e someter a estudo e discusión problemas e propostas denominativas entre os profesionais da lingua.

O Seminario de Terminoloxía Galega da Real Academia Galega leva adiante ademais, co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística, a elaboración de contidos para o Portal das Palabras.
 

Estudos de gramática e léxico

Na actualidade, o Seminario de Lexicografía da Real Academia Galega está a desenvolver -co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística- a ampliación do Dicionario da lingua galega, con preto de cincuenta mil voces, e continúa traballando no Diccionario bilingüe castelán-galego, galego-castelán.. De próxima publicación é tamén a Gramática Galega -descritiva do galego moderno e enfocada a un usuario xeral-, da sección de Gramática da mesma institución.