Volver

LETRAS GALEGAS 2018

Paisaxes e personaxes. María Victoria Moreno. Letras Galegas 2018

  • Cartel Concurso-Exposición Letras Galegas

    Cartel Concurso-Exposición Letras Galegas

A Xunta de Galicia réndelle tributo a María Victoria Moreno, no marco da programación institucional Letras Galegas 2018, cun proxecto expositivo itinerante que visitará ata decembro once localidades galegas -Santiago de Compostela, Pontevedra, Vigo, Lugo, Ourense, A Coruña, Ferrol, Sanxenxo, Ordes, Vilalba e Celanova- para achegarlle á cidadanía a figura, a vida e a obra da autora homenaxeada. A mostra baséase en ilustracións dos principais personaxes e escenarios de oito libros de María Victoria Moreno creadas por Nuria Díaz, Lucía Cobo, Xan López Domínguez, Jacobo F. Serrano, Jacobo Muñiz, Mari Fe Quesada, Bea Lema e Dani Padrón, baixo a coordinación de David Pintor.

O humorista gráfico, ilustrador e pintor coruñés é o autor da imaxe central da mostra, que, no seu conxunto, se basea no diálogo gráfico de oito ilustradores galegos de prestixio con outras tantas obras de María Victoria Moreno, concretamente con O cataventos, A festa no faiado, Anagnórise, Mar adiante, Un cachiño de bica, Guedellas de seda e liño, Leonardo e os fontaneiros e A brétema.

Cada un dos artistas creou nun panel dúas ilustracións alusivas ao personaxe principal da historia e mais ao escenario no que se desenvolve a historia das obras, de aí o nome da mostra. O resultado é unha galería de retratos e lugares que conforman o universo literario da autora. Así mesmo, cada un destes paneis complétase cun fragmento da obra correspondente. A exposición inclúe tamén tres paneis biobibliográficos e dúas vitrinas nas que se ofrece unha escolma de obxectos persoais da escritora, como a súa primeira máquina de escribir, unhas lentes que levou durante anos, o título de licenciada, o bolígrafo co que escribiu as súas derradeiras obras, o manuscrito da obra O cataventos e diversos libros que lle foron dedicados á autora por escritoras e escritores amigos seus, como Xesús Alonso Montero, Fina Casalderrey, Fiz Vergara Vilariño ou Úrsula Heinze.