Volver

21 días co galego e +

Centro: IES Pontepedriña de Santiago de Compostela, IES Antón Alonso Ríos de Tomiño, IES Otero Pedrayo de Ourense, IES Francisco Daviña Rey de Monforte de Lemos
Curso: 2018-2019

 21 días co galego e + é un programa promovido pola Consellería de Cultura e Turismo, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, que ten como finalidade promover o uso do galego oral entre a xente nova, en consonancia co Documento estrutural básico do Plan de dinamización da lingua galega na mocidade.

  • 21 días co galego e +

    21 días co galego e +

Esta programa de dinamización lingüística nace para que os adolescentes falen máis o galego e perfeccionen o seu uso dentro e fóra dos centros educativos. Alén diso, búscase tamén que analicen a súa relación coas linguas que coñecen, e máis concretamente co galego, para vel cal é o lugar que ocupa e pode ocupar na súa vida.

A iniciativa ten a súa orixe en 21 días co galego, unha experiencia didáctica que botou a andar no IES da Pobra do Caramiñal no ano 2013, da man da profesora Pilar Ponte. Desde entón, desenvolvéronse cinco edicións máis deste proxecto que mesmo chegou a recibir en 2015 un premio de innovación en dinamización lingüística da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Agora, a Secretaría quere dar un paso máìs con esta experiencia e exportala a outros centros educativos. Para iso, pon en marcha o programa 21 días co galego e + en catro institutos de Galicia:

  • O IES Pontepedriña de Santiago de Compostela
  • O IES Antón Alonso Ríos de Tomiño
  • O IES Otero Pedrayo de Ourense
  • O IES Francisco Daviña Rey de Monforte de Lemos

Nesta edición participan 95 docentes e 1.316 alumnas e alumnos da ESO, de bacharelato e de FP con idades comprendidas entre os 2 e os 18 anos. Estes comprométense a falar soamente en galego as 24 horas do día durante as 21 xornadas que dura o programa; é dicir, desde o 14 de xaneiro ata o 3 de febreiro de 2019, dentro e fóra do centro de ensino.

Non cabe dúbida de que o alumnado é o protagonista, tanto por ser a súa galeguización o obxectivo primeiro como pola súa participación activa no programa de dinamización lingüística, pero o profesorado tamén participa de forma directa, con distintas modalidades en función da lexislacion aplicable á materia que imparte. Ademais, tamén se procurou implicar o persoal de administración e servizos (especialmente da conserxaría e da cafetaría dos insittutos, que é o que ten un trato máìs directo con alumnado), a ANPA e as familias, que na práctica van resultar determinantes no éxito da actividade.

O soporte central da iniciativa é o blog 21diascogalegoemais.gal, onde cada día aparecerá unha nova entrada que lles indicará aos rapaces e rapazas as tarefas que deben realizar e onde se poderán ver as gravacións onde os mozos e mozas deixarán constancia das súas reflexións e experiencias.