Volver

Libro-disco Cholo e Nela, 20 anos dando a nota

Centro: Centros de ensino da comarca de Valdeorras (Ourense)
Curso: 2017 - 2018
  • Libro-disco Cholo e Nela, 20 anos dando a nota

    Libro-disco Cholo e Nela, 20 anos dando a nota

Arredor de 300 nenos e nenas do CEIP Julio Gurriarán Canalejas, o CEIP Plurilingüe Condesa de Fenosa e o CEIP Ramón Otero Pedrayo gozaron o mércores 18 de outubro de 2017, no teatro Lauro Olmo do Barco de Valdeorras, da presentación de Cholo e Nela, 20 anos dando a nota, un libro-disco editado coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística para conmemorar o XX aniversario das convivencias de educación infantil Cholo e Nela. Nel recompílanse as cancións creadas cada ano para cantar nesta xornada.

En 1997, un grupo de mestres e mestras deulle vida a Cholo e Nela, un proxecto que culminaría nunha xuntanza de educación infantil na que participaría toda a comunidade, non só desta comarca senón tamén de boa parte de Ourense, co obxectivo de poñer en valor o idioma galego dunha forma lúdica e ao mesmo tempo educativa. Vinte anos despois, segue sendo innovador; move ata 800 nenos e nenas e 400 familias e involucra as entidades da contorna.

Cada canción é a síntese e a porta de entrada a este proxecto enraizado nunha proposta de diversidade e de valores crítica e construtiva, que pode ser desenvolvido en calquera aula ou lar.