FALAREDES 2018
Terrícolas igualiños igualiñas
Por segunda vez este ano, Os Bolechas chegan aos concellos da Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da man do programa FalaRedes.
Terrícolas igualiños igualiñas é unha actividade que a RDL pon en marcha en colaboración coa Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional. Ao longo do mes de decembro, chegará a 8 concellos da Rede -Abegondo, Cerceda, A Laracha, Rois, Vilalba, Castrelo de Miño, Mos e Mondariz- e ao alumnado de 8 centros educativos -CEIP de Prácticas López Ferreiro, de Santiago; CEIP de Melide nº1; IES Francisco Daviña Rey, de Monforte; IES María Sarmiento, de Viveiro; CEIP de Prácticas da Escola Universitaria de Formación do Profesorado de EXB, de Ourense; CEIP de Ribadavia; CEP Marcos da Portela, de Pontevedra, e CEIP Nosa Señora das Dores, de Forcarei.
A derradeira actividade do FalaRedes 2018 é un espectáculo participativo destinado a cativos e cativas de 4 a 8 anos e ás súas familias. A súa temática xira arredor dos valores que promove a Constitución Española, que o 6 de decembro de 2018 fai 40 anos. O seu obxectivo é, por unha banda, sumar a Rede de Dinamización Lingüística á celebración deste aniversario e, por outra, promover a educación cívica dos nenos e nenas para que coñezan os principios que guían a nosa lei fundamental, a que abriu a porta ao vixente Estatuto de Autonomía de Galicia e, con el, ao recoñecemento da cooficialidade do idioma galego.
Como é habitual nas iniciativas dos Bolechas para FalaRedes, o protagonista volverá ser o público presente na sala, que deberá axudar os Bolechas participando activamente nunha proposta que conxuga diversión, uso da lingua galega e aprendizaxe. Neste caso trátase de afondar en conceptos como a solidariedade, a amizade, o respecto á contorna e aos demais ou a cooperación e o traballo en equipo que, por outra banda, son valores moi propios destas datas de Nadal. E, como non podía ser doutro xeito, en galego, de forma que aprendan e se divirtan na lingua propia, a que usan sempre os Bolechas, e que permitirá ás cativas e cativos galegos gozar dun momento inesquecible cos seus personaxes favoritos.
Como vén sendo habitual tamén nestas propostas dos Bolechas para FalaRedes, a participación non se limita ao día do espectáculo xa que se amplía e ten continuidade a través das novas tecnoloxías, con actividades e xogos en liña e mais cun concurso no que se poderán gañar lotes de libros dos Bolechas.
Axenda de FalaRedes 2018. Terrícolas igualiños igualiñas | |||
---|---|---|---|
Data e hora | Lugar | Concello | Provincia |
Xoves 6 de decembro, 17:00 horas | Auditorio Municipal Carmen Estévez | Vilalba | Lugo |
Venres 7 de decembro, 18:00 horas | Casa da Cultura | A Laracha | A Coruña |
Sábado 15 de decembro, 17:30 horas | Auditorio Municipal | Mondariz | Pontevedra |
Domingo 16 de decembro, 18:00 horas | Salón de actos do Concello | Castrelo de Miño | Ourense |
Luns 21 de xaneiro,13:00 horas | CEIP de Prácticas López Ferreiro | Santiago de Compostela | A Coruña |
Martes 22 de xaneiro, 13:00 horas | CEIP Marcos Portela | Pontevedra | Pontevedra |
Mércores 23 de xaneiro, 13:00 horas | CEIP de Melide Nº1 | Melide | A Coruña |
Xoves 31 de xaneiro, 13:00 horas | CEIP Nosa Señora das Dores | Forcarei | Pontevedra |
Venres 1 de febreiro, 12:30 horas | IES Daviña Rey (con asistencia do CEIP A Gándara e o CEIP Monforte de Lemos) | Monforte de Lemos | Lugo |
Luns 4 de febreiro, 12:30 horas | IES María Sarmiento (con asistencia do CEIP de Covas, CPR Landro e CEP Lois Tobío) | Viveiro | Lugo |
Martes 5 de febreiro, 13:00 horas | IES do Ribeiro (con asistencia do CEIP de Ribadavia) | Ribadavia | Ourense |
Xoves 7 de febreiro, 12:30 horas | IES Blanco Amor (con asistencia do CEIP de Prácticas da E.U. de Formación do Profesorado) | Ourense | Ourense |
Domingo 10 de febreiro, 17:30 | Auditorio Municipal | Cerceda | A Coruña |
Domingo 17 de febreiro, 18:00 horas | Centro Cultural O Salón | Abegondo | A Coruña |
Sábado 23 de febreiro, 18:00 horas | Edificio Multiúsos | Rois | A Coruña |
Domingo 24 de febreiro, 18:00 horas | Auditorio Multiúsos das Pozas (Petelos) | Mos | Pontevedra |