Toponimízate 2018

Ponse en marcha unha nova edición do programa de promoción da lingua galega Toponimízate. Falámosche dos nomes da túa terra. A acción enmárcase nos proxectos Toponimia de Galicia e GeoArpad, impulsados ambos os dous desde a Xunta de Galicia, e coordinarase por primeira vez desde a Real Academia Galega (RAG) en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística.

  • Detalle do cartel de Toponimízate 2018

    Detalle do cartel de Toponimízate 2018

A toponimia é a disciplina que estuda os topónimos ou nomes propios de lugar: os das aldeas e parroquias, os dos ríos e leiras, os dos penedos e fontes. Constitúe un aspecto fundamental do noso patrimonio que liga a lingua propia coa xeografía, a historia ou a arqueoloxía de noso.

Entre outubro e decembro de 2018 Toponimízate chegará a 15 concellos da Rede de Dinamización Lingüística: Arzúa, Brión, Cariño, Miño e Muros na provincia da Coruña; Castro de Rei, Cospeito, Foz e O Páramo en Lugo; Celanova, Parada de Sil e Xinzo de Limia en Ourense e A Lama, Moaña e Ribadumia en Pontevedra. Estas localidades acollerán conferencias do filólogo Vicente Feijoo, especialista en toponimia e membro do Seminario de Onomástica da Real Academia Galega. Nelas falarase de toponimia galega (os motivos da abundancia de nomes de lugar no país, a toponimia galega como patrimonio inmaterial...) e tamén da propia de cada concello (significado dos nomes das parroquias e das aldeas; como consultar a toponimia xeorreferenciada de cada municipio no Buscador de topónimos; utilidades desta ferramenta...). Ademais, nos concellos que teñan sen recoller a súa microtoponimia -é dicir, os nomes de leiras, camiños, fontes, penedos...- mostrarase unha app que lles permitirá aos veciños e veciñas colaborar para rexistrar e subir á rede tanto os microtopónimos como as lendas a eles asociadas, de xeito que todos poidan colaborar na salvagarda deste patrimonio inmaterial que é o noso orgullo.

Obxectivos

Os obxectivos deste programa son múltiples e atinguen tanto á veciñanza coma aos técnicos municipais:

  • Achegarlle á cidadanía de cada concello valiosa información sobre a historia do galego falado na súa contorna e sobre os modos de vida dos seus antepasados, os feitos hisóricos que foron relevantes para eles e as características da paisaxe no momento en que se bautizou cada anaco da súa terra ou cada braza do seu mar. Porque en Galicia todo está nomeado e cada nome ten unha historia que contar, un anaco de historia local que non figura nos libros e que aos veciños e veciñas lles gustará coñecer.
  • Fornecer os técnicos municipais das ferramentas necesarias que lles faciliten a tramitación de expedientes relacionados coa planificación e xestión do territorio do termo municipal, nos que deben empregar os topónimos normalizados, así como a posta en valor e promoción turística da paisaxe e dos elementos do patrimonio material e inmaterial que posúen.
  • Fomentar o uso da lingua galega entre a xente máis nova, pois promoverase que sexa esta a lingua en que interactuen cos seus avós e veciños para preguntarlles polos nomes de lugares e as lendas a eles asociados. Tamén empregarán o galego coas novas tecnoloxías para subir toda esa información a internet. Os topónimos naceron en galego e así deben usarse, tal como se manifesta no artigo 10 da Lei 3/1983 de normalización lingüística.
  • Fomentar a presenza do galego nas tecnoloxías da información e da comunicación. A toponimia moderniza a nosa lingua, porque a imos traballar cunha APP que presentará as últimas novidades en sistemas de información xeográfica e porque abriremos unha ventá ao mundo a través de internet para dar a coñecer a singularidades de cada concello.
  • Xerar dinámicas de traballo que promovan as relacións entre a sociedade, entre as asociacións veciñais e culturais e as administracións. Trátase de buscar a participación de toda a comunidade nun proxecto cultural común, facendo un traballo cooperativo entre varias xeracións, poñendo en valor a sabedoría dos máis vellos, a intrahistoria de cada concello e a conservación do patrimonio inmaterial (tradicións, folclore, coplas, lendas... asociadas aos topónimos). Isto creará un sentimento de identidade colectiva compartida e de continuidade.


Axenda de Toponimízate

Data e hora

Lugar

Concello

Provincia

19 de outubro, 20:00Casa da Cultura de Castro de Ribeiras de LeaCastro de ReiLugo
24 de outubro, 11:30Local Social de Santa María de ArzúaArzúaA Coruña
26 de outubro, 19:30Sala dos Arcos da Casa do ConcelloCelanovaOurense
29 de outubro, 20:00Aula CemitBriónA Coruña
31 de outubro, 10:30CEIP A LamaA LamaPontevedra
16 de novembro, 20:00Salón de plenos da Casa do ConcelloMoañaPontevedra
21 de novembro, 16:30Centro Social da RúaMiñoA Coruña
23 de novembro, 17:30Salón de plenos da Casa do ConcelloParada de SilOurense
27 de novembro, 13:00CPI Virxe do Monte de CospeitoCospeitoLugo
30 de novembro, 19:00Local social da Casa do ConcelloCariñoA Coruña
3 de decembro, 20:00Casa da CulturaFozLugo
4 de decembro, 11:30CEIP do PáramoO PáramoLugo
13 de decembro, 19:30Aula Cemit de MurosMurosA Coruña
14 de decembro, 12:00IES Lagoa de AntelaXinzo de LimiaOurense
19 de decembro, 10:00CPI Julia Becerra Malvar de BarrantesRibadumiaPontevedra