O galego campa 2018

Un verán máis, o programa de dinamización lingüística O galego campa da Secretaría Xeral de Política Lingüística e da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado chega aos campamentos de verán da Xunta de Galicia cos obxectivos de favorecer neles a actividade en galego e mais de facilitarlle ao monitorado formación e recursos para o desenvolvemento de dinámicas que animen os rapaces e rapazas a se expresar nesta lingua, de acordo coas liñas que se establecen no Plan de Dinamización da Lingua Galega na Mocidade actualmente en elaboración.

Está en marcha a sétima edición do programa de dinamización lingüística O galego campa, que contará en 2018 con materiais para o monitorado e sesións a cargo da empresa de educación non formal O Falcón Branco en 15 campamentos. Este ano, O galego campa chegará a case 1500 rapaces e rapazas participantes nos seguintes campamentos da Acción de Verán 2018 da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado:

  • Actividades no mar. Albergue Xuvenil As Sinas. Vilanova de Arousa (Pontevedra)
  • Aventura na natureza. Campamento Xuvenil Pontemaril. Forcarei (Pontevedra)
  • A miña primeira aventura. Campamentos Xuvenil Pontemaril. Forcarei (Pontevedra)
  • Big Bang Illa. Campamento Xuvenil Illa de Ons. Bueu (Pontevedra)
  • Candilexas. Campamento Xuvenil Espiñeira. Boiro (A Coruña)
  • Aventura nas Mariñas. Albergue Xuvenil Mariña Española. Sada (A Coruña)
  • Actividades no mar. Albergue Xuvenil de Gandarío. Bergondo (A  Coruña)
  • Natureza no Camiño. Albergue Xuvenil Furelos. Melide (A Coruña)
  • A miña primeira aventura. Albergue Xuvenil Benigno Quiroga. Portomarín (Lugo)
  • Multiaventura: ambiente e mar. Campamento Xuvenil A Devesa. Ribadeo (Lugo)
  • Aventura-T. Campamento Xuvenil Os Chacotes. Palas de Rei (Lugo)
  • Teatro e aventura na natureza. Campamento Xuvenil Penedos de Xacinto. Entrimo (Ourense)
  • Manzaneda Alta Montaña. Estación de Montaña de Manzaneda. Manzaneda (Ourense)
  • Ven explorar con nós. Complexo O Corgo. Muíños (Ourense)
  • Aventura na Estación. Albergue A Vilavella. A Mezquita (Ourense)

As intervencións nos campamentos e a entrega ao monitorado de materiais en galego complétanse coas fichas e propostas do Repositorio dixital de tempo libre en galego, de libre acceso para educadores e educadoras e para calquera outra persoa interesada. Os criterios para a escolla das actividades e das
dinámicas que integran o repositorio foron o interese educativo, a variedade de temáticas, a aplicabilidade a grandes grupos en contexto de campamento e o peso da expresión oral no conxunto da actividade.

Escoita activa, argumentación e cidadanía global en galego

Seguindo a liña do ano 2017, esta edición de O galego campa xira arredor das temáticas de cidadanía global en galego e habilidades de escoita activa e argumentación. Cidadanía global porque se traballarán en galego valores que abran fiestras ao mundo. Escoita activa, expresión oral e argumentación para mellorar a capacidade e a seguridade dos adolescentes de expresarse na lingua propia de Galicia e mesmo en calquera outra.

Cada sesión, de dúas horas de duración, terá tres partes: unha introdutoria, que sirva para favorecer a escoita; unha actividade principal, na que se irá creando colectivamente unha historia mediante debates de grupo en plenario, e un remate a modo de avaliación no que os participantes se poidan expresar con liberdade. 

A actividade central, titulada "A longa viaxe", consiste en situar os participantes ante un dilema que moitas persoas do mundo que viven en lugares en conflito atopan cada día: seguir resistindo as condicións cada vez máis duras do país ou abandonar casa, familia e o mundo que se coñece por outro que non se viu para intentar saír adiante. Mediante escollas consensuadas tras os pertinentes debates, cada grupo deberá poñerse no lugar da xente que se enfronta a esta disxuntiva e ir tecendo a súa propia historia. 

Plan de dinamización da lingua galega entre a mocidade

Os obxectivos xerais de O galego campa están en consonancia cos recollidos no documento estrutural básico do Plan de dinamización da lingua galega na mocidade, un plan que está elaborando a Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística e da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado.

A finalidade última de O galego campa é promover a galeguización lingüística das actividades educativas de tempo libre en Galicia mediante a realización de intervencións de educación non
formal que axuden a desenvolver actitudes positivas cara á lingua galega por parte de mozas, mozos,
educadoras e educadores:

• Actividades de dinamización que permitan introducir de modo empático a lingua galega nos
campamentos.
• Propostas educativas que favorezan a reflexión e a anovación metodolóxica de programas
entre os equipos de profesionais que traballan na campaña de verán.
• Intervencións no tempo libre de calidade co galego como referente.

 


 

Axenda