ReTransmite

ReTransmite é un programa da Secretaría Xeral de Política Lingüística nado ao abeiro do Plan de dinamización da lingua galega na mocidade e destinado ao alumnado de educación secundaria e bacharelato dos centros de ensino público de Galicia.

Esta iniciativa, que busca propiciar un diálogo interxeracional en galego e sobre o galego, conta coa colaboración dos equipos de dinamización da lingua galega e ten como obxectivo fomentar o uso do galego entre a mocidade e aumentar nela -e no conxunto da poboación- a imaxe positiva da lingua, ao relacionala coas novas formas de comunicación.

Desenvólvese de forma experimental durante o curso 2019-2020 nos seguintes centros:

  • IES Plurilingüe Maruxa Mallo, de Ordes
  • IES Campo de San Alberto, de Noia
  • IES Plurilingüe Pintor Colmeiro, de Silleda
  • CPI Plurilingüe Virxe do Monte, de Cospeito
  • IES de Barro, de Barro
  • IES Carlos Casares, de Viana do Bolo

Iniciouse no mes de outubro cun curso básico de produción e edición de vídeo de dúas horas de duración para o profesorado en cada un dos centros para que deste xeito puidese guiar o alumnado nas producións que ía realizar.

Deseguido, instalouse en cada isntituto un espazo a modo de set de TV: o espazo ReTransmite, onde o alumnado, co asesoramento do equipo de profesoras e profesores participante, realizou programas de TV e gravou  o material audiovisual para eles. Foi unha especie de discreto “plató” que visitaron persoas de idade (nais, pais, avoas, avós, tías, tíos, amigas, amigos...) para falaren en galego e do galego coa xente nova e tamén do mundo que lles tocou vivir a uns e outros.

As pezas audiovisuais foron gravadas con tecnoloxías móbiles (teléfonos ou tabletas), cos formatos de pílula informativa e de flashmob e unha duración máxima de 5 minutos. Fixeron especial fincapé en salientar, a través do guión e graficamente, palabras, expresións e curiosidades arredor da lingua que se foron xerando nas conversas.  A mellor pílula informativa e o mellor flashmob recibiron un agasallo tecnolóxico.

 

CALENDARIO DOS OBRADOIROS

CENTRO

DATA

HORA

IES Plurilingüe Maruxa Mallo, de Ordes (A Coruña) 

Mércores, 2 de outubro de 2019

11:45 horas

CPI Plurilingüe Virxe do Monte, de Cospeito (Lugo)

Luns, 7 de outubro de 2019

17:15 horas

IES Campo de San Alberto, de Noia (A Coruña)

Mércores, 9 de outubro de 2019

16:30 horas

IES Plurilingüe Pintor Colmeiro, de Silleda (Pontevedra) 

Xoves, 10 de outubro de 2019

17:30 horas

IES de Barro, de Barro (Pontevedra)

Luns, 14 de outubro de 2019

16:00 horas

IES Carlos Casares, de Viana do Bolo (Ourense)

Mércores, 16 de outubro de 2019

13:10 horas

 

  

Resolución dos Premios Re-Transmite

Ao abeiro deste programa, presentáronse 16 vídeos, 5 da modalidade flash-mob e 11 da modalidade de pílula informativa.

Logo de valorar os audiovisuais, o xurado acordou conceder os seguintes premios:

Modalidade de flash mob

Trap-allada cifrada, do CPI Virxe do Monte, Cospeito (Lugo)

Modalidade de pílula informativa

Dona Dorinda: Silleda – Habana – Vigo. Unha galega do século XX, do IES Pintor Colmeiro, Silleda (Pontevedra)