FalaRedes 2014

Xa está en marcha a nova edición do programa de dinamización lingüística FalaRedes. Por terceiro ano consecutivo, propoñemos actividades para os nenos e os non tan nenos coas que encher o tempo de ocio en galego e coas que promover o uso e a valoración positiva da lingua propia de Galicia.

Velaquí as seis propostas que, con case 200 sesións repartidas polos concellos das catro provincias pertencentes á Rede de Dinamización Lingüística, percorrerán Galicia este 2014.

Os Bolechas e o Sabichón é un espectáculo de monicreques manipulados por actores á vista onde se simulará un concurso. Este enfrontará a Braulio e a Loli, que solicitarán a participación e a complicidade do público para vencer.

Mediante esta estratexia, poténciase a identificación dos nenos e nenas asistentes cos seus protagonistas, que son un referente positivo estreitamente asociado ao galego, pois Os Bolechas falan sempre a nosa lingua: nos libros, nos programas de televisión e nos espectáculos coma este.