O galego, chave para os teus negocios no mundo

A campaña “O galego, chave para os teus negocios”, posta en marcha pola Federación Galega de Parques Empresariais (FEGAPE) en colaboración coa Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística

Promove a utilización do galego como lingua dos negocios tanto dentro coma fóra de Galicia. Alén das vantaxes evidentes de utilizar o galego nos negocios desenvolvidos na nosa comunidade autónoma, salientados noutras campañas apoiadas pola Xunta de Galicia, como ”Deixa que o viño fale” ou “Consumo Gustos”, a campaña “O galego, chave para os teus negocios no mundo” subliña e potencia as funcións do galego como lingua internacional e vía de comunicación para a internacionalización nos negocios.

O galego, lingua internacional

O galego é un valor cultural que nos identifica como pobo, mais tamén nos conecta cunha comunidade maior de case 200 millóns de persoas que falan portugués, xa que permite a intercomprensión sen necesidade de mediación. Este valor cultural transfórmase en valor económico cando falamos de negocios e de elementos tan importantes para estes como a comunicación. O galego non só permite a comunicación coa Lusofonía, senón que xera o clima de confianza que proporciona comunicarse sen intermediacións.

O galego na Lusofonía emerxente
As empresas galegas son cada vez máis conscientes da necesidade de internacionalizaren a súa actividade e de procuraren novos mercados para ofrecer os seus produtos e servizos. Á hora de emprender o camiño da internacionalización moitas empresas xa se decataron de que o galego é un factor que suma: unha vantaxe competitiva que serve para situar as súas empresas de forma diferencial en mercados moi competitivos. En contraposición a uns mercados europeos paralizados ou cando menos ralentizados pola crise, novos lugares para facer negocios emerxen na América latina e en África, e dúas das economías máis vigorosas neses dous contextos son a brasileira e a angolana. Economía, lingua e cultura únense neste contexto para facilitaren a comunicación do empresariado galego en novos lugares nos cinco continentes: Portugal, Brasil, Mozambique, Angola, Guinea Bissau, Cabo Verde, São Tomé e Príncipe, Timor Leste e Macau teñen o portugués como lingua oficial, e importantes comunidades lusófonas abren portas en lugares como os Estados Unidos, Canadá, África do Sur, Francia, Luxemburgo ou Xapón, por citar só algunhas.

Mentres en todo o mundo se populariza o ensino do portugués como lingua de proxección internacional, o empresariado galego dispón dun valor que o sitúa en clara vantaxe neste contexto. Só ten que saber aproveitalo.

Relacións económicas cos países de lingua portuguesa

A relación das empresas galegas cos países de lingua portuguesa non é nova. De feito, o 20% dos 12 000 millóns de euros que a economía galega exportou durante 2011 proceden de países lusófonos (segundo datos do ICEX España Exportación e Inversións). Só como exemplo, os datos do Instituto Galego de Estatística para 2011 indican que Portugal supuxo algo máis do 17% das exportacións galegas á Europa dos 25. Mesmo coa situación de crise que atravesan os veciños do Sur, estes só foron superados por Francia (con seis veces máis poboación e destinataria prioritaria dos produtos de automoción) como primeiro destino dos nosos produtos. No caso da América latina, Brasil é o principal destino, co 23% das exportacións.

A campaña

A novidade desta campaña dirixida ao empresariado galego é que se basea en datos económicos e obxectivos que mostran que a utilización do galego é rendible para o empresariado. Fronte a vesgos ideolóxicos ou lugares comúns que motivan o abandono ou o rexeitamento do galego, os datos indican que a nosa lingua é unha vantaxe.

A campaña “O galego, chave para os teus negocios no mundo” amosa, a través dun díptico explicativo e dun cartel, de que maneira empresas presentes en países lusófonos se benefician xa da utilización do galego nos seus usos cotiáns; igualmente, ofrece información específica sobre o contorno cultural e empresarial da Lusofonía e sobre como coidando e mellorando o seu galego, o empresariado pode desenvolver unha estratexia que lle permita achegarse a unha clientela maior.

Os países lusófonos son tradicionalmente unha saída natural para as nosas empresas, e por iso a nova campaña da Secretaría Xeral de Política Lingüística incide en valorizar un coñecemento que o noso empresariado xa posúe, coidándoo e póndoo en valor para tirarlle todo o rendemento posible nas nosas relacións internacionais, facilitando a introdución das empresas galegas en mercados de grande relevancia, e, á vez, axudando a fidelizar mercados xa coñecidos grazas a unha mellor atención e comprensión mutua.

O que a campaña “O galego, chave para os teus negocios no mundo” quere salientar é que o galego é a escolla intelixente cando falamos de internacionalización.