Os Bolechas na máquina do tempo

29/05/2015 Volver

Os xa famosos Bolechas, deseñados por Pepe Carreiro, volverán darse cita desde a primavera cos seus amiguiños e amiguiñas máis fieis, a cativada de entre 4 a 8 anos, nunha nova viaxe chea de aventuras e de diversión.

Logo de deixar atrás o Sabichón, os irmáns e o seu inseparable Chispa atoparán un aparello que os teletransportará ata o futuro converténdoos en adultos: a máquina do tempo. O doutor Apolodoro -o científico turuleque dono da máquina- levaraos a coñecer diferentes etapas da historia nunha viaxe temporal onde os Bolechas terán que valerse da inestimable axuda do público para regresaren ao presente e á infancia.

Os Bolechas na máquina do tempo é un espectáculo de monicreques manipulados por actores á vista no que se simulará unha aventura a través do tempo. Braulio mandará a Carlos e a Pili ao futuro na máquina do doutor Apolodoro, que se estraga e acabará por teletransportar os dous irmáns á Prehistoria... O enxeño e a habilidade do público serán claves para axudarlles aos Bolechas a regresar ao presente.

A actividade ten continuidade na aplicación web Os Bolechas na máquina do tempo, onde os cativos e cativas poden facer o seu propio diploma de viaxeiro no tempo e acceder a xogos e sorteos. Co aliciente de que os asistentes ao espectáculo coñecen en exclusiva unha palabra clave coa que poderán dobrar o premio do sorteo e acceder a dous lotes de libros dos Bolechas, no canto de un, en caso de resultaren premiados.

Braulio, Carlos, Pili, Loli, Sonia, Tatá e Chispa son un referente positivo galegofalante para a xente miúda da casa, pois Os Bolechas falan sempre na nosa lingua: nos libros, nos programas televisivos e nos espectáculos. Con isto quérese potenciar a identificación dos nenos e nenas asistentes cos seus protagonistas.