Volver

FALAREDES 2015

Contos en Rede

O outono é tempo de reunións a carón do lume para escoitar os contos que, de xeración en xeración, se veñen transmitindo en lingua galega. Contos novos e vellos, cheos de intriga ou de humor, é precisamente o que nos trae a nova actividade de FalaRedes, que se desenvolverá ao longo dos meses de outubro e novembro en 30 entidades (27 municipios e 3 mancomunidades) da Rede de Dinamización Lingüística.

  • Contos en Rede

    Contos en Rede

  • Inacio Vilariño

    Inacio Vilariño

  • Ana Carreira

    Ana Carreira

  • Santi Prego

    Santi Prego

Os contadores Inacio Vilariño, Ana Carreira e Santi Prego serán os encargados de levar adiante estes contacontos para público de calquera idade que se pon en marcha cos obxectivos de incentivar o uso do galego oral como ferramenta de creación artística, aumentar a oferta de actividade cultural en lingua galega e mais difundir o traballo dos artistas que realizan a súa actividade na lingua propia de Galicia.

Inacio Vilariño levará as súas historias sobre o demo a Carballedo, A Lama, Barro, Castro Caldelas, Ponte Caldelas, Rois, Outeiro de Rei, Val do Dubra, Quiroga e Boiro (en colaboración coa Mancomunidade Ría de Arousa-Zona Norte). Santi Prego fará parada en Zas, Mondariz, Carral, Viana do Bolo, Salceda de Caselas, Cabana de Bergantiños, Valga, Arzúa, A Baña e Ordes (en colaboración coa Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ordes). Pola súa banda, Ana Carreira achegarase as fins de semana dos meses de outubro e de novembro coas súas historias de xente normal, pero non por iso pouco importante, á Cañiza, San Cristovo de Cea, Castrelo de Miño, Pereiro de Aguiar, Corcubión (en colaboración coa Mancomunidade de Fisterra), Outes, Cuntis, Vilaboa, Palas de Rei e Cotobade.