Os Axóuxeres 2015

A Secretaría Xeral de Política Lingüística pon en marcha unha nova edición do seu programa de dinamización lingüística para familias con bebés e nenos/as de 0 a 6 anos. Trátase dunha iniciativa de promoción da transmisión interxeracional da lingua galega que, por medio da música, do xogo e das palabras, busca favorecer a incorporación do idioma nas familias novas e ofrecerlles unha proposta de lecer en galego na que se inclúen novos materiais e propostas que permitirán darlle continuidade á actividade no fogar.

  • Nenos e nenas nos Axóuxeres

    Nenos e nenas nos Axóuxeres

  • Mariñeiro

    Mariñeiro

  • Mariña acode ao rescate do peixiño

    Mariña acode ao rescate do peixiño

  • Os músicos tráennos os sons de instrumentos diferentes e variados

    Os músicos tráennos os sons de instrumentos diferentes e variados

Dan man da compañía de teatro Elefante Elegante, a xira dos Axóuxeres 2015 percorrerá 26 localidades da Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia do 12 de setembro ao 8 de novembro: Arteixo, A Coruña, Ourense, Boiro, Ames, Vedra, Santiago de Compostela, Teo, Fene, Ferrol, Oleiros, Moaña, Cangas, Foz, Viveiro, Xinzo de Limia, Mondoñedo, Redondela, Ribeira, Vilagarcía de Arousa, A Laracha, Noia, O Carballiño, A Estrada, O Porriño e Lalín.

Encontros para a xente miúda da casa. A festa da música, dos xogos e das palabras

Os Axóuxeres son o encontro da xente miúda da casa coas artes escénicas, co teatro, coa música en directo... cos primeiros xogos e coas primeiras cancións en galego... coa lingua de noso. Cada Encontro dos Axóuxeres, de aproximadamente 40 minutos de duración, foi creado para ofrecerlles aos bebés e nenos/as de 0 a 6 anos un espazo onde desfrutar e abrirse ao descubrimento do mundo en galego.

Os Axóuxeres son a festa da música, dos xogos e das palabras. Un espectáculo de dinamización lingüística baseado en historias adaptadas á miúda da casa e mesturadas con cancións e xogos especificamente creados para a montaxe. Unha festa que por primeira vez se poderá levar para a casa nun cedé co que o programa agasallará a todas as familias participantes.

Estrelas dormen, Voga valente, Vou navegar, Entre o mar e esta bañeira e Mergullo son as cancións orixinais dos novos Axóuxeres, que María Torres e Gonçalo Guerreiro interpretan en directo acompañados polos músicos Mano Panforreteiro e Dani Pais, e que recolle o cedé homónimo, no que tamén se poden escoitar brinquedos e adiviñas infantís.

Reserva previa

A entrada para os Encontros dos Axóuxeres é de balde con reserva previa ata completar a capacidade. As persoas interesadas en participar cos seus bebés ou nenos/as de 0 a 6 anos poderán inscribirse previamente, de luns a venres e en horario de 10:00 a 13:00 horas, no teléfono 697 363 089. As inscricións abriranse o luns anterior á celebración de cada unha das funcións.

O peixiño de Mariña

Mariña. Rapaza con nome de auga, de vida cara ao mar. Ela é a protagonista desta historia e a que un día de praia decide que ese peixiño que colleu co seu trueiro será o mellor compañeiro de cuarto do mundo: “sempre quixen ter un peixiño e por fin o conseguín!”. E lévao para a casa, mais o peixiño cada vez está máis triste no acuario...

Será o seu amigo Muriel quen convenza a rapaza de que o ceibe: “os peixes do mar teñen que ficar no mar”. Mariña, rapaza lista e espelida, comprende que o seu fiel amigo leva razón, xa que o mar lle ofrece ao peixe todo o que precisa para vivir e ser feliz. E aí comeza a aventura de regreso para o amigo mariño, o amigo de Mariña: a volta ao fogar do que nunca debeu saír. Pero o mar tamén agocha dificultades que os seres que o habitan atopan día tras día... e para o peixiño de Mariña non ía haber excepción.

Unha aventura teatral, musical e lúdica na que a xente miúda se mergullará na profundidade do mar para achegarse a valores como a ecoloxía ou a amizade. Unha experiencia sensorial e lingüística coa que aprender e levar para a casa divertidas cancións, adiviñas e xogos.

 

Axenda